Sete alumnos do Porriño, na elite creativa de España por un vídeo
Competición
y O SEPIE elixiu o traballo do IES Ribeira do Louro como un dos mellores do estado

Alumnado seleccionado, xunto ao alcalde do Porriño. | // D.P.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu esta semana na Casa do Concello a sete alumnos e alumnas de 1.º curso do Ciclo Superior de Comercio Internacional do IES Ribeira do Louro. O motivo foi celebrar que o seu vídeo Juventud en acción: Solidaridad y equidad en 60 segundos foi seleccionado polo SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación) como un dos sete mellores proxectos a nivel nacional dentro da Semana Europea da Xuventude.
Centros de toda España participaron na convocatoria, pero foi a proposta porriñesa a que logrou sitúarse entre as sete finalistas escollidas polo comité de avaliación. O equipo, formado por Verónica Vilaboa, David Lago, Gala Torres, Cristóbal Olmedo, Nerea Costas, Caroline Finol e Daniel Gregores, creou un reel que aborda con linguaxe visual e simbólica o peso emocional que soportan os mozos e mozas na actualidade, e como o apoio mutuo entre iguais pode aliviar esa carga.
No proxecto, cinco dos integrantes exerceron como actores e actrices, mentres que os outros dous asumiran as tarefas de guión e dirección. O elemento central da peza é unha mochila cargada de roupa que representa os problemas invisibles da mocidade. Ao longo do vídeo, os compañeiros van repartindo ese peso entre todos ata acadar un desenlace de liberación e benestar emocional, unha metáfora sinxela pero de gran impacto que convenceu ao xurado nacional.
Este recoñecemento non chegou por casualidade. O proxecto encadrouse dentro da materia de negociación internacional como exercicio práctico de comunicación, e tamén formou parte do proxecto anual de centro do IES Ribeira do Louro, integrado na temática da Biblioteca dedicada ao Cine. A combinación de formación técnica, traballo en equipo e sensibilidade social deu como resultado unha peza que superou a competencia de múltiples centros de toda España.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Récord na festa anual da Asociación de Xubilados
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O Val Miñor celebra hoxe a XXXVI Festa da Bicicleta