A Sementeira xermola a pesar da chuvia
A XVIII edición da Festa da Sementeira e Música de Corzáns reuniu durante tres días a milleiros de persoas na Área Recreativa do Muíño da Ponte para celebrar a terra, a tradición e a música galega

Olimpiadas labregas do domingo pola tarde. | // JUAN CARLOS PÉREZ
D.P
A sementeira volveu a Corzáns a pasada fin de semana. A parroquia de Salvaterra de Miño acolleu por décimo oitavo ano a Festa da Sementeira e Música, un evento que xa é unha tradición incontestable.

O público ateigou o espazo da Sementeira a pesar do tempo inestable. | // JUAN CARLOS PÉREZ
A organización, como vén sendo costume, correu a cargo da Asociación Cultural Quinta do Piñeiro, un colectivo veciñal que ano tras ano consegue o prodixio de transformar un espazo fluvial na marxe do río Mendo nunha festa que combina música de primeiro nivel, artesanía e a recuperación das labores agrícolas que durante séculos definiron a vida do rural galego.
Venres
O venres á noite abriu o festival coa presentación do grupo Bareixa ás 22:00 horas. A actuación serviu de quencemento para o que viña, coa sesión do DJ Sapoconcho con Concho enchendo o recinto ata ben entrada a madrugada, intercalada coa actuación dos Storrentos á medianoite. O ambiente nocturno foi o detonador perfecto para que o público tomase contacto cunha edición que a predición meteorolóxica facía perigar, a pesar da s dúas carpas instaladas pola organización.
Pero o venres non foi só música. Pola mañá, entre as 10:00 e as 13:00 horas, comezou a sementeira con obradoiros de labranza en colaboración coa CRA A Lagoa e os centros de atención á diversidade, sumando así á festa o seu compoñente máis social e educativo.
Sábado
Se o venres puxo o ambiente, o sábado foi o corazón. Ás 10:00 horas comezou a tan esperada concentración de tractores clásicos, con colaboración da Fundación do Campo Galego, o PCG e Agañac. As máquinas antigas desfilaron con orgullo, recordándolles aos máis vellos tempos que xa non volven e ensinándolles aos máis novos de onde veñen.
A sesión vermú contou co grupo Meizoi e os pasarrúas dos Os Varacuncas, mentres os máis pequenos disfrutaban dos obradoiros de artesanía, muíños e outros oficios tradicionais. Ás 18:00, o Duende Circo tomou o escenario cunha actuación infantil que engaiolou a nenos e adultos por igual.
A noite do sábado foi, a pesar da chuvia, o punto álxido do festival. Kortalumes abriu o escenario Electricidade Condado ante un público entregado. Despois chegou SES, unha das artistas máis queridas da escena galega, que fixo vibrar o Muíño da Ponte cunha actuación memorable. Xa na madrugada, a Orquestra Bravú Xangai tomou o relevo, seguida pola actuación de O Caimán do Río Tea, que puxo o peche perfecto a unha noite inesquecible. Entre actuación e actuación, a Duendeneta mantivo a pista quente e ao público bailando ata altas horas.
Domingo
O domingo arrincou cunha imaxe que ninguén quixo perder: a entrada do carro dos bois no torreiro xunto á actuación de Sons da Raia, seguida dos traballos de labranza e sementeira.
Naima Gaiteiros puxo a banda sonora ao xantar, e ás 14:00 chegou o Pregón da Cofradía do Txuletón. Un dos momentos máis esperados chegou coa elección dos mellores caracterizados de labregos, un concurso que cada ano gaña en creatividade e humor. Pola tarde, as XI Olimpiadas Agrícolas en categoría infantil e adulto, a cargo de Barafunda, demostraron que a tradición pode ser tamén deporte e diversión.
O peche foi para Son das Tabernas, que despediron a XVIII edición cunha actuación que deixou ao público con ganas de que o ano que vén chegue axiña.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Récord na festa anual da Asociación de Xubilados
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O Val Miñor celebra hoxe a XXXVI Festa da Bicicleta