Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nigrán énchese de música tradicional para cantar as letras

homenaxe

y A programación inclue concertos, actividades, e un espectáculo familiar no Auditorio

Banda de zanfoñas da ETRAD na Reconquista de 2023.   | // D.P.

Banda de zanfoñas da ETRAD na Reconquista de 2023. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[Nigrán]

O Concello de Nigrán súmase á celebración das Letras Galegas cun programa de actividades que se estende durante todo o mes de maio e que combina música tradicional, folclore e literatura.

Baixo o fío condutor da lingua e a cultura galega, a programación arrancou a pasada semana coa presentación na Biblioteca Municipal do libro Árbore arriba. Memoria das orixes, do escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, unha obra na que o autor indaga na xenealoxía da súa familia, vencellada a históricos intelectuais galeguistas e escritores.

Hoxe

O muíño de Porto do Molle converterase nun dos escenarios máis emblemáticos da programación. Hoxe, sábado 16 de maio, ás 20:00 horas, actuará a banda de zanfonas da Escola de Música Tradicional de Vigo (ETRAD), dirixida polo mestre Anxo Pintos. Formada por unha vintena de zanfonistas, esta agrupación é a máis grande de España e interpretará repertorio tradicional galego, tanto vocal como instrumental, xunto con melodías doutros folclores. O sábado 23, na mesma hora e lugar, será a quenda da banda de gaitas da mesma escola.

O punto álxido da programación chegará o propio Día das Letras Galegas, mañá domingo 17 de maio, cunha xornada de folclore en colaboración co Centro Cultural O Torreiro de Priegue. A partir das 12:00 horas haberá muíñeira, e pola tarde, desde as 17:00, as agrupacións Ardelume e Ardentía tomarán o espazo. Para pechar o día, a Coral Novos Aires de Nigrán ofrecerá o seu tradicional concerto das Letras ás 19:00 horas no Auditorio Municipal.

A programación clausurarase o domingo 7 de xuño co espectáculo familiar As mil e unha, a cargo de Vero Rilo e Luis Iglesias, que mestura música e narración oral nunha homenaxe á escritora Begoña Caamaño. O acto terá lugar ás 12:00 horas no Auditorio Municipal e está especialmente pensado para o público infantil.

O alcalde de Nigrán, Juan González, destacou o carácter inclusivo da proposta: «Fixemos unha programación para todos os públicos pensada para exaltar a nosa lingua e, ao mesmo tempo, para dar a coñecer á infancia a figura de Begoña Caamaño».

Tracking Pixel Contents