Mos converte as Letras nunha festa da cultura nos colexios
educación
y Actividades e obradoiros de música tradicional homenaxean a Begoña Caamaño

Malvela estará mañá no acto de peche da programación, no Centro Dotacional de Torroso, ás 11:30. | // D.P.
O Concello de Mos puxo en marcha unha ampla programación cultural e educativa con motivo das Letras Galegas 2026, dedicadas á escritora e xornalista Begoña Caamaño. A iniciativa, que combina homenaxes literarias, música tradicional e actividades interxeracionais, busca achegar a figura desta referente da literatura galega contemporánea á mocidade do municipio e converter a efeméride nunha celebración viva e participativa.
Homenaxe nos colexios
Un dos actos centrais da programación tivo lugar o 14 de maio no Multiusos das Pozas. Baixo o título «Homenaxe a Begoña Caamaño. Presentación ‘Begoñísima’», a actividade estivo dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria dos centros educativos de Mos e contou coa participación do grupo Malvela e da cantante Uxía Senlle.
Durante a sesión, os escolares coñeceron a traxectoria vital e literaria de Caamaño, o seu compromiso coa lingua galega, co feminismo e coa cultura do país. O formato foi dinámico e apoiouse en recursos audiovisuais, dinámicas participativas e espazos de diálogo para facilitar a conexión entre as novas xeracións e a obra da autora homenaxeada.
Un dos momentos destacados do acto foi a proxección do videoclip «Begoñísima», dirixido por Óscar Górriz e con letra e música de Uxía Senlle e arranxos de Rafa Otero, Sabela Dacal e Toño Prieto. A peza forma parte do Libro-CD Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño e foi gravada, entre outras localizacións, na Biblioteca e nos exteriores do Pazo de Mos, coa colaboración e o patrocinio do propio Concello.
Uxía Senlle e as integrantes de Malvela explicaron ao alumnado o significado da canción, o proceso creativo que hai detrás e a importancia de manter viva a memoria de referentes culturais e feministas como Begoña Caamaño. A actividade completouse con momentos interxeracionais nos que alumnado e persoas maiores compartiron música, lecturas e experiencias vinculadas á lingua e á memoria colectiva.
As nosas tradicións
En paralelo, executpouse o programa educativo «As nosas Tradicións», destinado ao alumnado de 1º de Primaria de todos os centros do municipio. O obxectivo é achegar aos máis cativos a música e o baile tradicional galego a través dunha proposta lúdica e participativa.
Os obradoiros foron impartidos por profesorado da Escola de Música e do Conservatorio Profesional de Música de Mos: Xosé Oliveira, gaiteiro e percusionista, e Aurora, pandereteira e mestra de baile tradicional. Durante as sesións, o alumnado poderá descubrir instrumentos como a gaita, a pandeireta, a zanfona, o bombo, as tarrañolas ou as cunchas, coñecendo os seus sons e o seu papel dentro do patrimonio musical galego.
Os nenos e nenas aprenderon ademais cantigas populares como «Videira de Santa Marta» e deron os seus primeiros pasos na muiñeira tradicional, nunha actividade pensada para fomentar a convivencia, a participación e o coñecemento da identidade cultural galega dende as idades máis temperás.
Torroso, día das Letras
Como colofón de toda a programación, mañá, domingo 17 de maio ás 11.30 horas o Centro Dotacional de Torroso acollerá o evento «Ruada, canta e toca a Begoña Caamaño», organizado conxuntamente polo Centro Recreativo Cultural de Torroso e o Concello de Mos.
O acto reunirá a Ruada Folk, o Coro Setestrelo, as Cantareiras de Sobreira e o Grupo de Baile Ruada nunha mañá de música, baile tradicional e homenaxe á escritora homenaxeada. Durante o encontro proxectarase de novo o videoclip «Begoñísima», e Malvela confirmou a súa presenza para presentar en persoa esta peza audiovisual creada arredor da figura de Caamaño.
Dende o Concello de Mos destacan que o conxunto desta programación pretende converter as Letras Galegas «nunha experiencia viva, participativa e próxima á mocidade», reforzando así a transmisión da lingua, da música e da identidade cultural galega entre xeracións.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Récord na festa anual da Asociación de Xubilados
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O Val Miñor celebra hoxe a XXXVI Festa da Bicicleta