Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dous ciclos de concertos para encher de música a primavera

A guarda

y O Tocamúsica e A Guarda Clásica traen sete concertos á vila

Sobre estas liñas, concerto de Tocamúsica nunha anterior edición. Á dereita Yebra&Oswaldo inauguran hoxe A Guarda Clásica.  | // D.P.

Sobre estas liñas, concerto de Tocamúsica nunha anterior edición. Á dereita Yebra&Oswaldo inauguran hoxe A Guarda Clásica. | // D.P.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
[A Guarda]

A Guarda converterase nos próximos meses nun escenario a ceo aberto para a música en directo.

Dous ciclos de concertos para encher de música a primavera

Dous ciclos de concertos para encher de música a primavera

O Concello da Guarda aposta este 2026 por unha programación cultural que combina dous ciclos diferenciados: a terceira edición do Tocamúsica, que leva os concertos ás prazas e recunchos da vila entre maio e xullo, e A Guarda Clásica, un novo ciclo de música clásica que debuta este mes de maio no Centro Cultural. En total, sete concertos que ofrecen xéneros para todos os gustos, desde o soul e o funk ata a música de cámara, pasando polo rock, a rumba cubana ou o jazz.

III Tocamúsica

O ciclo Tocamúsica é unha das citas máis esperadas do calendario cultural guardés. Este programa, que conta co apoio do plan +Provincia, naceu coa vocación de achegar a música en directo á cidadanía nun contexto informal e festivo, aproveitando os espazos públicos máis representativos da localidade. Prazas, rúas e o porto serán os escenarios nos que catro bandas actuarán ao longo de tres meses.

O pistoletazo de saída darao o próximo sábado 23 de maio «Cuarto de Tula», un grupo que rendirá homenaxe ao mítico Buena Vista Social Club. A cita será na Praza Avelino Vicente a partir das 12:30 horas, e os asistentes poderán mergullarse no son cubano máis auténtico nunha mañá de primavera. Unha proposta perfecta para abrir boca e inaugurar a tempada con alegría e ritmo.

En xuño haberá dúas actuacións. A primeira chegará o venres 12 coa banda Stormy Trucks, liderada por Valentín Caamaño, que ofrecerá temas propios mesturados con versións de clásicos do rock nunha sesión nocturna na rúa Vicente Sobrino, a partir das 21:00 horas. Xa a finais de mes, o domingo 28, o porto da Guarda converterase no marco privilexiado para a actuación de God Good, banda de soul e funk que prometem transportar ao público a unha viaxe musical intensa e rítmica a partir das 12:30 horas.

O ciclo pecharase en xullo cun concerto moi especial. O xoves 23, na Praza do Reló e ás 21:00 horas, Los Kalahari interpretarán o repertorio completo de Siniestro Total cunha formación que inclúe a Javier Soto, ex guitarra do grupo, e a Andrés Cunha, o seu último batería. Un peche de lujo para os amantes do rock español que non querrán perderse esta cita.

A Guarda Clásica

Mentres o Tocamúsica toma as rúas, o salón de actos do Centro Cultural da Guarda acolle este maio a estrea de A Guarda Clásica, un ciclo de tres concertos nos tres últimos sábados do mes, todos ás 20:00 horas. A iniciativa abre as portas da música clásica á cidadanía con propostas de altísimo nivel interpretativo.

O ciclo arrinca hoxe, sábado 16 de maio, co dúo formado por Rafael Yebra e Oswaldo Oro, que combinarán saxofón e guitarra nunha proposta que vai máis alá dos límites do clásico. A súa música fusiona a elegancia do repertorio académico coa frescura do jazz, a profundidade da música contemporánea e a calidez dos ritmos latinoamericanos, creando unha experiencia sonora que abraza múltiples tradicións sen renunciar a ningunha.

O sábado 23 chegará un dos concertos máis evocadores do ciclo: Zukhra Zeingaliyeva e Ilaria Vivan interpretarán con frauta e arpa o celebrado Haru no umi («O mar en primavera»). Zeingaliyeva é unha intérprete versátil que transita polo clásico, o jazz e as músicas do mundo, mentres que Vivan é arpista principal da Orquestra Sinfónica de Porto-Casa da Música e docente en destacadas institucións de ensino superior portuguesas.

O peche do ciclo clásico correrá a cargo do Quinteto de Metais da Orquestra Vigo 430 o sábado 30 de maio. Dous trompetas, trompa, trombón e tuba conforman esta formación que ofrece unha gran riqueza tímbrica, desde sonoridades brillantes ata rexistros graves e profundos. O seu repertorio inclúe obras de compositores como Victor Ewald, Eric Ewazen ou Morley Calvert, referentes da literatura para metais que demostran todo o potencial expresivo desta agrupación.

Música para compartir

Ambos os ciclos comparten un mesmo espírito: o da música como elemento de encontro e cohesión social. A programación estará activa ata finais de xullo, polo que os guardeses teñen por diante meses cargados de propostas para desfrutar coa familia e as amizades.

Tracking Pixel Contents