Covelo abre hoxe as portas do seu tesouro barroco
patrimonioy O Concello inicia o programa anual de visitas ao Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera, un dos exemplos máis singulares do barroco rural

Rectoral de Barcia de Mera. | // D.P.
O Concello de Covelo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, pon en marcha hoxe, 16 de maio, o programa de visitas ao Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera.
A primeira xornada, de carácter aberto, busca achegar á veciñanza e ás persoas visitantes un dos elementos patrimoniais máis valiosos e menos coñecidos do municipio.
A actividade desenvolverase nunha única quenda, en horario de 9:45 a 11:45 horas. Dado que as prazas son limitadas, é imprescindible realizar inscrición previa chamando ao teléfono 654 500 652.
Un monumento único
O Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera representa un dos exemplos máis destacados do barroco rural galego. O complexo está integrado pola Igrexa de San Martiño, erguida no ano 1676 por orde do Mosteiro de Melón, e pola emblemática Casa Reitoral, célebre pola súa espectacular fachada barroca, cargada de ornamentación singular e de gran valor artístico.
Entre os elementos que fan deste conxunto un lugar irrepetible destacan as gárgolas decorativas, as figuras inspiradas na mitoloxía helénica e, sobre todo, a figura dun Atlante sostendo unha esfera, nunha composición de notable riqueza simbólica. O enclave goza ademais dunha situación privilexiada, con amplas vistas sobre o val da contorna, o que engade un atractivo paisaxístico á visita.
O programa continuará ao longo do ano con novas visitas programadas en distintas datas, contribuíndo á dinamización cultural e turística de Covelo e complementando a súa xa consolidada oferta de turismo de natureza.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Récord na festa anual da Asociación de Xubilados
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O Val Miñor celebra hoxe a XXXVI Festa da Bicicleta