«Tradición en Camiño» chega á súa cuarta edición en Mos
sociedade
y A música tradicional tomará o Camiño Portugués nunha xornada aberta ao público

Tradición no Camiño, no ano 2025. | // D.P.
O concello de Mos acollerá este domingo, 26 de abril, a cuarta edición de «Tradición en Camiño», unha iniciativa que transforma o trazado do Camiño de Santiago nun corredor cultural vivo onde a música tradicional galega convive co patrimonio e a paisaxe do municipio. Organizada polo Círculo Cultural Abrente coa colaboración do Concello de Mos, a proposta consolídase xa como un dos referentes do calendario cultural da comarca.

Romaxe da Picaraña nunha edición anterior. | // D.P.
A xornada arrincarará ás 10:00 horas na Capela das Angustias, en Sanguiñeda, e despregará un itinerario de catro paradas ao longo da mañá. Ás 11:15 horas, o Albergue da Veigadaña recibirá a comitiva de participantes e músicos; ás 12:30 horas, o emblemático Pazo de Mos converterase en escenario central da actividade; e ás 13:45 horas, a Capela de Santiaguiño porá o remate a unha xornada que promete combinar convivencia, patrimonio e son.
O cartel artístico conta con seis agrupacións de referencia na música de raíz galega: o Coro Galego do Abrente, o Grupo de Gaitas Son do Abrente, a Banda de Gaitas Airiños do Castelo de Santa Eulalia, o Grupo de Gaitas Nosa Terra de Pereiras, o Grupo de Gaitas San Martiño de Tameiga e Xiada, Gaiteiros Refrescantes. A presenza de agrupacións de distintos concellos reforza o carácter integrador e comarcal do evento.
Desde a organización subliñan que a proposta nace do desexo de «levar a música tradicional ao seu espazo natural, conectándoa co territorio e coa xente, facendo do camiñar unha experiencia cultural compartida». Unha filosofía que, edición tras edición, atopa cada vez máis eco entre os veciños e os peregrinos que transitan o Camiño Portugués.
A actividade é de balde e está aberta á participación de calquera persoa que queira sumarse ao percorrido. Mos reafirma así o seu compromiso coa dinamización da cultura tradicional e coa posta en valor do seu patrimonio natural e arquitectónico como soporte dunha oferta cultural diferenciadora.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Récord na festa anual da Asociación de Xubilados
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O Val Miñor celebra hoxe a XXXVI Festa da Bicicleta