Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Rancho da Feira leva Salceda a Bemposta

rancho de

entroido

Actuación do Rancho de Entroido da Feira en Bemposta.   | // D.P.

Actuación do Rancho de Entroido da Feira en Bemposta. | // D.P.

[Salceda de Caselas]

O pasado sábado 18 de abril, as rúas de Bemposta convertéronse nun escenario único e irrepetible. Máscaras ancestrais, figuras míticas, cencerros, danzas, música e rituais que atravesan xeracións e fronteiras tomaron o control dunha vila que, por unhas horas, viviu mergullada nun tempo case esquecido. No medio desa marea de tradición viva, o Rancho de Entroido da Feira, pertencente á Asociación Cultural A Feira de Salceda, portou con orgullo as cores e os ritmos da súa terra nun dos encontros de rituais ancestrais máis impresionantes da Península Ibérica.

O evento, referencia europea neste tipo de manifestacións culturais, ten como eixo simbólico a figura do "Chocalheiro de Bemposta", anfitrión principal do encontro e expresión singular das tradicións do Solsticio de Inverno no Nordeste Transmontano. Este personaxe mítico, enraizado no imaxinario colectivo da rexión, preside un desfile que cada edición medra en número de participantes, en diversidade xeográfica e en capacidade de emoción. Esta ano, o espectáculo reuniu a máis de mil persoas repartidas en case setenta agrupacións chegadas de puntos tan diversos como Galicia, Bulgaria, Portugal, Italia, Mallorca ou Zamora, entre outros moitos lugares.

A delegación da Asociación Cultural A Feira foi das máis numerosas e vistosas do desfile. Ata sesenta persoas fixeron a viaxe a Bemposta, entre compoñentes do rancho e familiares acompañantes que quixeron vivir de preto esta experiencia. Entre elas, a Alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, que recolleu o convite realizado polo propio grupo e sumouse á expedición como representante institucional do municipio, nun xesto que reflicte o apoio do concello a este proxecto de recuperación cultural.

Un dos momentos que máis expectación xerou entre o público congregado nas rúas de Bemposta foi a presenza dos cabalos que escoltan ao rancho durante o desfile. Os animais, integrados na formación coa naturalidade que dá a práctica, convertéronse nunha das grandes atraccións da xornada, arrancando admiración e aplausos dos miles de espectadores que se achegaron a presenciar o encontro.

Oito anos de recuperacion

A presenza do Rancho de Entroido da Feira en Bemposta non é un feito illado nin froito dunha participación ocasional. É o resultado de oito anos de traballo constante, rigoroso e apaixonado. Dende o ano 2018, a Asociación Cultural A Feira vén desenvolvendo un proxecto de recuperación dos ranchos de Reis e Entroido de Salceda, dúas manifestacións do patrimonio inmaterial do municipio que estaban en risco de desaparecer.

O rancho de Entroido conta cunha formación de seis danzantes e dúas damas, cunha estrutura paralela á do rancho de Reis, co que ademais comparte a mesma música. A diferenza principal entre ambos reside nos instrumentos: mentres o rancho de Reis vai acompañado de gaita e caixa, o de Entroido incorpora tamén o bombo, dotando ao conxunto dun son máis rotundo e festivo, perfectamente axeitado á época do ano que celebra.

Pero quizais o aspecto máis significativo de todo este proxecto non sexa a propia recuperación das formacións adultas, senón o traballo que se está a facer coas xeracións máis novas. A asociación deu o paso fundamental de incorporar a cativada desde idades moi temperás á aprendizaxe destas tradicións, garantindo así que o coñecemento non se perda e que a cadea de transmisión cultural permaneza viva. Porque de nada serve recuperar algo se non se asegura que haberá mans e pés dispostos a seguir facéndoo no futuro.

Ao longo destes anos, o Rancho de Entroido da Feira foi construíndo un percorrido xeográfico notable. A agrupación participou en numerosos encontros ao longo da xeografía galego-portuguesa, así como noutros puntos da península, levando a tradición salcedense alá onde se celebran este tipo de manifestacións e establecendo vínculos con outros colectivos comprometidos coa mesma causa: a recuperación, a preservación e a difusión do patrimonio etnográfico e inmaterial dos seus territorios.

Eses lazos entre agrupacións representan unha rede viva de coñecemento, de intercambio de saberes, de solidariedade cultural entre comunidades que comparten a certeza de que estas tradicións non son reliquias do pasado, senón elementos de identidade activos, capaces de xerar emoción, comunidade e sentido de pertenza no presente.

A tradición, lonxe de ser algo estático, demostrou en Bemposta que é capaz de viaxar, de dialogar con outras culturas e de emocionar a públicos moi diferentes. E que cando hai persoas dispostas a coidala, a aprendela e a transmitila, ten todos os ingredientes para perdurar.

Tracking Pixel Contents