O Porriño convértese hoxe no epicentro da moda galega
fashion weekend
y A vila acollerá un desfile ao aire libre, tras unha Shopping Night que durou ata a medianoite

Sobre estas liñas, presentación da Porriño Shopping Weekend 2026. Á dereita, desfile da Porriño Fashion Weekend nunha edición anterior. | // D.P.
O Porriño vive esta fin de semana unha nova entrega da súa Fashion Weekend, o evento que, edición tras edición, reivindica a moda e o comercio de proximidade en Galicia. Catro anos despois da súa posta en marcha, a cita chegou este 2026 con máis forza ca nunca: 27 tendas e 10 perruquerías e salóns de peiteados sumáronse a unha programación que desbordou expectativas e encheu as rúas e a praza principal da vila de ambiente, cor e elegancia.

O Porriño convértese hoxe no epicentro da moda galega
A xornada de hoxe, sábado 25 de abril, é o gran momento da Fashion Weekend. A Praza Antonio Palacios transformarase nunha auténtica pasarela ao aire libre para acoller o desfile central do evento, presentado pola coñecida presentadora galega Lucía Rodríguez. Sobre a pasarela desfilarán os modelos da escola Small Big Models, lucindo pezas e coleccións dos establecementos locais participantes, nunha aposta clara por mostrar que o comercio de O Porriño ten un nivel e unha oferta á altura de calquera cidade.
Pero a moda non será o único ingrediente da tarde. O programa de hoxe completarase cun espectáculo de performance a cargo de Pablo Méndez e actuación musical da man de Maison, ademais dalgunha sorpresa que a organización decidiu manter en segredo ata o último momento.
Shopping Night
Onte pola noite, a Fashion Weekend arrincou con toda a enerxía que caracteriza esta cita. A Shopping Night encheu O Porriño dun ambiente festivo e animado, con 27 establecementos abrindo as súas portas en horario especial ata as 00:00 horas. Os comercios non só prolongaron o seu horario habitual, senón que ademais prepararon descontos, sorteos, agasallos e múltiples sorpresas para todos aqueles que se achegaron a vivir a experiencia.
A música foi tamén protagonista indiscutible da noite, coa presenza de seis DJ’s distribuídos polas principais rúas da vila que puxeron banda sonora á Shopping Night. Ademais, ao longo da noite repartíronse bolsas promocionais do Concello en cada establecemento participante, así como rifas para os sorteos que terán lugar hoxe, animando ao público a participar activamente no evento.
Motor da vila
A Fashion Weekend non é só un evento de moda: é tamén un escaparate do potencial económico e social dun municipio que aposta decididamente polo seu tecido comercial. Así o subliñou o alcalde doPorriño, Alejandro Lorenzo, na presentación do evento, onde animou á veciñanza e aos visitantes a apoiar o comercio de proximidade. «Un municipio cun comercio forte é un municipio vivo, porque mercar no comercio local fortalece non só a nosa economía, senón tamén a cohesión social», sinalou o rexedor, quen aproveitou para destacar que «no Porriño non temos por que desprazarnos para atopar o mellor no ámbito da moda, nin tampouco o mellor no ámbito da atención».
Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, puxo o acento na capacidade deste tipo de iniciativas para dinamizar a vila e atraer visitantes de fóra. «Queremos que a xente non só veña mercar, senón que viva a experiencia de sentir unha vila vibrante, moderna e chea de oportunidades», afirmou, destacando tamén o traballo e a implicación dos comerciantes como peza fundamental do éxito do evento.
A Fashion Weekend chega en 2026 á súa cuarta edición cunha participación crecente. A incorporación de perruquerías e salóns de peiteados á proposta amplía o concepto de moda máis alá do vestiario e consolida un modelo de evento integral que abrangue todos os aspectos do mundo da imaxe persoal. O resultado é unha cita que xa forma parte do calendario da vila e que cada ano logra superar o listón marcado pola edición anterior.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas