Miguel Ángel Revilla pregoa o choco de Redondela
XXXIX Festa
do Choco

Sobre estas liñas, Festa do Choco no ano 2025. Á esquerda, Digna Rivas e Miguel Ángel Revilla en Cantabria. | // MARTA G. BREA /D.P.
O Concello de Redondela anunciou que Miguel Ángel Revilla, ex presidente da Comunidade de Cantabria, político de ampla traxectoria e recoñecido escritor, será o encargado de ler o pregón da celebración, que terá lugar do 8 ao 10 de maio no municipio pontevedrés.

Miguel Ángel Revilla pregoa o choco de Redondela
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosouse especialmente satisfeita coa confirmación: «É unha honra para Redondela que unha figura co carisma e a capacidade de comunicación de Miguel Ángel Revilla aceptase o noso convite. Non só é un gran embaixador da gastronomía e dos produtos do mar, senón que a súa presenza axudará a que a Festa do Choco teña unha repercusión nacional sen precedentes». Desde o goberno municipal destacan a figura de Revilla como referente na defensa de políticas sociais, cunha voz marcada pola igualdade e a xustiza social que o converteu nunha das personalidades máis queridas e mediáticas do Estado.
O programa reserva dúas citas con Miguel Ángel Revilla ao longo do fin de semana. O sábado 9 de maio, ás 19:00 horas, o Auditorio do Multiusos da Xunqueira acollerá un coloquio aberto ao público no que o ex mandatario cántabro compartirá reflexións e vivencias nun formato próximo e participativo. «Queriamos que a veciñanza tivese a oportunidade de escoitalo de preto nun coloquio máis persoal antes do bulicio da fin de semana. É unha oportunidade única para gozar da súa lucidez e das súas anécdotas», explicou a alcaldesa Rivas.
Ao día seguinte, o domingo 10 de maio ás 12:30 horas, Revilla tomará a palabra na carpa do Campo da Feira para pronunciar o pregón oficial da festa, o acto central que marca o inicio da xornada grande da celebración. Nesa mesma mañá, antes do pregón, o pasarrúas da Banda de Música de Chapela percorrerá as rúas do municipio a partir das 11:30 horas, e o grupo de pandereteiras Froles Mareliñas animará a carpa ás 11:45 horas, creando o ambiente festivo que caracteriza esta cita.
Tres días de gastronomía
A celebración arranca o venres 8 de maio coa inauguración e apertura da carpa de degustación no Campo da Feira ás 19:30 horas, con actuacións musicais da Orquestra de Saxos, o Grupo América de Vigo e o DJ JJ Compota.
O sábado 9 complétase coa actuación matinal do grupo de gaitas e baile galego Airiños de San Simón ás 12:30 horas, e pola noite os concertos de Tanto Nos Ten, a Orquestra Combo Dominicano e o DJ Airan manterán o ambiente ata a madrugada.
O domingo 10, xornada grande, sumará ao pregón de Revilla a actuación do grupo de gaitas e baile O Carballo das Cen Polas, a Rondalla de Redondela pola tarde e o concerto de Pa Ti Na Má ao serán.
Ao longo dos tres días, os visitantes tamén poderán gozar de rutas en barco pola Illa e Enseada de San Simón saíndo desde o Porto de Cesantes e o Pantalán do Museo Meirande, a un prezo de 6 euros por persoa, así como rutas de marisqueo desde o Porto, igualmente a 6 euros. As entradas para as rutas pódense adquirir na Oficina de Turismo de Redondela, no teléfono 986 401 713, ou en barcosdegalicia.com.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas