A Festa da Lamprea celebra 30 anos de Arbomostra
Arbo acolle esta fin de semana a LXVI Festa da Lamprea e o XXX aniversario de Arbomostra, con degustacións, oito adegas, música en directo e o LampreaBus de balde que chegará por primeira vez ata a localidade portuguesa de Melgaço

Pasada edición da Festa da Lamprea. | // D.P.
Arbo viste de gala para vivir unha fin de semana histórica. Do venres 24 e ata mañá, domingo 26, a Capital Mundial da Lamprea acolle a LXVI Festa da Lamprea e a XXX edición de Arbomostra, dúas citas que se celebran en paralelo e que xuntan gastronomía, tradición, cultura e viño nun mesmo escenario á beira do río Miño. Tres décadas de Arbomostra e sesenta e seis edicións da Festa da Lamprea avalan un evento que é un referente turístico de Galicia e que cada ano atrae a miles de persoas.

Preparación de racións de lamprea rechea, unha das elaboracións máis populares. | //ANXO GUTIÉRREZ
A Festa da Lamprea é a celebración gastronómica máis antiga de Galicia, e a única desta natureza declarada Festa de Interese Turístico Internacional. Rendendo homenaxe a un produto milenario profundamente ligado á historia e á identidade de Arbo, a festa pon en valor a lamprea do río Miño, considerada un dos manxares máis singulares da cociña tradicional galega. A súa preparación tradicional, especialmente a aclamada «lamprea á arbense», converte cada degustación nunha experiencia gastronómica irrepetible.
Sabor e tradición
O corazón da festa latexará na Praza do Mercado, onde se instalará o recinto de Arbomostra. Desde onte á tarde, oito adegas de Arbo con Denominación de Orixe Rías Baixas abriron as súas portas para ofrecer degustacións e presentar as súas mellores elaboracións ao longo de todo o fin de semana. Os visitantes poderán descubrir así a excelencia vitivinícola do territorio e o traballo de xeracións de viticultores que foron construíndo un patrimonio enolóxico de primeiro nivel.
O sábado e o domingo pola mañá serán os momentos máis esperados para os amantes da gastronomía: cociñeiras e cociñeiros arbenses prepararán lamprea en distintos estilos tradicionais, mostrando ao público as receitas e técnicas que pasaron de xeración en xeración e que forman parte esencial do patrimonio culinario local. O recinto feiral reunirá tamén a produtores locais, artesáns e expositores que mostrarán a riqueza gastronómica e artesanal da comarca.
Programación musical
A carpa de Arbomostra acolle actuacións musicais ao longo de todo o fin de semana. Hoxe, o recinto permanecerá aberto de xeito ininterrompido das 11:00 ás 24:00 horas, con A Xaiva ás 14:00 horas e Mel de Meiga ás 20:30 horas. Mañá, a xornada esténderase das 11:00 ás 22:00 horas, con O Son das Tabernas ás 13:30 horas e Somoza Trío ás 18:30 horas.
LampreaBus a Portugal
Unha das grandes novidades desta edición é a posta en marcha do LampreaBus, un servizo especial e completamente gratuíto de transporte que opera os tres días da celebración. O Concello de Arbo activa esta iniciativa co obxectivo de desconxestionar o tráfico, facilitar o acceso aos distintos espazos do evento e promover un desprazamento sostible e seguro para todos os asistentes.
A gran novidade deste ano é a incorporación de Melgaço ao itinerario. O autobús terá paradas estratéxicas na Estación de Autobuses e na Praza fronte á Cámara Municipal de Melgaço. Ademais, o LampreaBus percorrerá todas as parroquias do municipio de Arbo e conectará cos concellos limítrofes de A Caniza, Crecente e As Neves, cunha frecuencia aproximada dunha hora e cobertura constante durante os tres días.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, subliñou a importancia do servizo: «A Festa da Lamprea non é un simple evento no calendario; é un auténtico rito anual onde Arbo rinde homenaxe aos seus maiores tesouros: a lamprea e o viño».
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas