Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura para todas as idades en Redondela

mes do libro

y As bibliotecas municipais acolleron contacontos, presentacións e a entrega de premios aos mellores lectores

Contacontos «Contos animados» de Expresión Producións na Biblioteca Valle Inclán.   | // D.P.

Contacontos «Contos animados» de Expresión Producións na Biblioteca Valle Inclán. | // D.P.

[Redondela]

O Concello de Redondela pechou esta semana as actividades centrais do Mes do Libro cunha programación que reuniu a veciñanza de todas as idades nas bibliotecas municipais Valle-Inclán e Xela Arias. A Concellería de Cultura apostou por un calendario diverso e de acceso libre que buscaba fomentar o hábito lector e reforzar o papel das bibliotecas como punto de encontro da comunidade.

Entre os momentos máis destacados figurou o contacontos «Contos animados», ofrecido por Expresión Producións na Biblioteca Valle-Inclán para os máis pequenos, e o contacontos infantil «Na busca do tesouro», que clausurou a programación na Biblioteca Xela Arias de Chapela. Ambas as sesións, dirixidas a cativada a partir de tres anos, rexistraron unha notable participación do público familiar.

No ámbito literario, a escritora redondelá María Ruíz Aparicio presentou o mércores o seu poemario Letras na Biblioteca Xela Arias, nun acto que congregou a numerosos amantes da poesía. Un día despois, coincidindo co Día Internacional do Libro, celebrouse a entrega de premios aos Mellores Lectores de 2025 nas categorías infantil e adulto de Redondela e Chapela.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, valorou moi positivamente o resultado da programación e subliñou que a lectura debe ser «un punto de encontro interxeracional e un motor de dinamización cultural no noso concello». Ademais, lembrou que a actividade cultural non remata aquí: en xuño, a Alameda Castelao acollerá a X Feira do Libro de Redondela, do 11 ao 14, con descontos e actividades para todos os públicos.

Tracking Pixel Contents