De Alcalá de Henares a Tui, a través das rutas xacobeas
peregrinacións
y Dámaso Rodríguez chegará a Tui a comezos de maio tras percorrer máis de 1000km

Dámaso Rodríguez, no seu camiño cara Tui. | // D.P.
O tudense Dámaso Rodríguez Costas ten previsto chegar á cidade de Tui entre os días 9 e 10 de maio, poñendo así fin a «Cruzando Camiños», unha ambiciosa travesía a pé que conecta Alcalá de Henares e Tui a través de catro rutas xacobeas distintas: o Camiño Complutense, o Camiño de Madrid, o Camiño Francés e o Camiño Portugués. En total, máis de mil quilómetros percorridos a pé que unen dúas cidades con séculos de historia e pegadas peregrinas.
Dámaso Rodríguez non é un camiñante calquera. É o presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago Complutense de Alcalá de Henares, entidade que leva anos traballando pola recuperación e difusión das rutas xacobeas que parten desde a cidade madrileña. Para el, esta iniciativa vai moito máis aló do reto físico: supón unha travesía histórica, xeográfica e espiritual que entrelaza dous bispados, dúas tradicións relixiosas e dúas cidades cunha identidade cultural profundamente arraigada.
O percorrido conecta a espiritualidade dos Santos Mártires Xusto e Pastor, patróns de Alcalá de Henares, coa do neno San Paio, figura central na devoción tudense. Ao mesmo tempo, une a rica herdanza humanista e universitaria de Alcalá co patrimonio bimilenario de Tui, coa súa maxestuosa catedral, o seu conxunto histórico medieval e a súa condición de porta de entrada ao Camiño Portugués.
Rodríguez define o seu papel nesta aventura como o dun auténtico homo viator, un peregrino que asume o camiño como forma de vida e de encontro. Alcalá é a súa orixe; Tui, o seu destino. E entre as dúas, miles de pasos que tecen un fío invisible entre o pasado e o presente, entre a fé e a memoria.
Non é a primeira vez que este tudense afincado en Alcalá de Henares pon en valor os vínculos xacobeos entre ambas localidades. En novembro de 2021 presentou en Tui o seu libro «Ruta jacobea, camino y leyenda», e ao longo da súa vida ten percorrido e documentado os máis importantes camiños de Santiago en forma de reportaxes e publicacións divulgativas.
A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana Núñez, valorou moi positivamente a iniciativa, destacando que «conecta a dúas localidades históricas e patrimoniais e contribúe á súa promoción e difusión». A chegada de Dámaso Rodríguez a Tui promete converterse nun acontecemento simbólico que reforza os lazos entre dúas cidades unidas, desde hai séculos, pola mesma estrela guieira.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas