Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tomiño abre os álbums familiares para construír a súa memoria

arquivo

y O Concello retoma a recollida de fotografías antigas, que reúne xa máis de 9.000 imaxes

Imaxe xa recollida no Arquivo da Imaxe de Tomiño.  | // D.P.

Imaxe xa recollida no Arquivo da Imaxe de Tomiño. | // D.P.

[Tomiño]

O Concello de Tomiño pon de novo en marcha a recollida de fotografías antigas para ampliar o seu Arquivo da Imaxe, un proxecto colectivo que xa supera as 9.000 imaxes e que se consolida como unha das principais ferramentas para preservar a memoria compartida do municipio. A iniciativa, que percorrerá todas as parroquias durante os meses de abril e maio, invita á veciñanza a abrir os seus álbums familiares e contribuír a un fondo común ao servizo de toda a comunidade.

O proxecto busca recompilar fotografías ligadas á vida en Tomiño ao longo dos anos. Son imaxes que, con frecuencia, permanecen gardadas nos fogares sen que ninguén máis poida coñecelas nin gozar delas. Grazas a esta iniciativa, poderán integrarse nun arquivo dixital de acceso colectivo sen que os propietarios teñan que desprenderse delas, xa que o equipo municipal escanearaas no momento e devolveraas de inmediato.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor humano e cultural do proxecto: «Este arquivo é un espazo de memoria viva que construímos entre todas e todos. Cada imaxe conta unha historia e axúdanos a entender mellor quen fomos e quen somos como pobo». González subliñou ademais que «temos unha historia riquísima feita de vivencias cotiás que non podemos deixar perder e este proxecto é unha oportunidade para recuperalas e compartilas».

O calendario de recollida arrincou o 7 de abril no pavillón de Barrantes e continuará por espazos como a Casa Antiga da Escola de Cristelos, o Centro Cultural de Piñeiro, a Unión Porvenir en Taborda, os centros culturais de Sobrada, Currás, Figueiró e Estás, a Casa dos Mestres en Amorín, o Palco de festas de Carregal e o Centro Goianés, entre outros, ao longo de todo abril.

En maio, a recollida chegará aos centros culturais de Santa María de Tebra, San Salvador de Tebra, Vilameán, Pinzás e Forcadela. A partir do 15 de maio, o proceso seguirá aberto de forma permanente no Espazo Isaura Gómez. O Concello advirte de que as datas poden sufrir variacións e que calquera cambio será comunicado a través das redes sociais.

Unha vez rematada a fase de recollida, o Concello organizará exposicións en todas as parroquias co material recompilado. Estas mostras non serán só exhibicións, senón espazos de participación veciñal onde identificar persoas, localizar lugares, datar imaxes e completar a información.

Tracking Pixel Contents