O Porriño reivindica a primavera coa súa «II Mostra da Camelia»
flores
y A vila acolle, esta fin de semana, un evento con máis de medio cento de expositores no Parque do Cristo

Sobre estas liñas, presentación da II Mostra da Camelia. Abaixo, mostra histórica sobre a flor. | // D.P.
A camelia xa tomou as rúas do Porriño. O Concello inaugurou este martes a exposición «A Camelia: Flor das galegas e galegos» na praza Antonio Palacios, dando o pistoletazo de saída a unha semana intensa dedicada á flor máis emblemática do municipio. O acto marca o inicio dunha programación que culmina esta fin de semana coa celebración da II Mostra da Camelia, os días 11 e 12 de abril, no Parque do Cristo.

O Porriño reivindica a primavera coa súa «II Mostra da Camelia»
Historia, moda e loita
A praza Antonio Palacios acolle, ata o 14 de abril, unha mostra de 16 paneis que percorre a pegada histórica e cultural desta flor singular. Lonxe de limitarse ao ámbito botánico, a exposición conecta a camelia con fitos fundamentais da historia universal: o movemento polo sufraxio feminino, a loita contra a escravitude no Brasil ou figuras icónicas da moda e da aristocracia europea como Coco Chanel e a emperatriz Sisí.
A mostra serve tamén para achegar ao público os fermosos xardíns que conforman a Ruta da Camelia, unha iniciativa posta en marcha hai dúas décadas pola Sociedade Española da Camelia (SEC). Esta entidade, que este 2026 celebra o seu 25 aniversario, tivo presenza destacada na inauguración a través da súa presidenta, Carmen Salinero, quen subliñou que «a camelia engancha», e non só pola súa beleza: «non é só a fermosura da flor, senón os produtos que dela se derivan, o té, pero tamén o aceite».
Na inauguración tamén estiveron presentes o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, e o deputado provincial, Javier Tourís. O rexedor destacou a fonda pegada da camelia na identidade galega e agradeceu á SEC o seu traballo durante estas dúas décadas: «O Porriño é o mellor lugar para celebrar unhas vodas de prata», afirmou, convidando a toda a veciñanza a visitar a exposición e a participar na Mostra desta fin de semana. Lorenzo puxo en valor o compromiso do municipio coa cultura e coa divulgación: «O Porriño segue apostando pola cultura, pola divulgación e polo orgullo do noso».
Parque do Cristo
O gran evento chega hoxe e mañá. O Parque do Cristo transformarase no corazón do mundo floral galego coa II Mostra da Camelia, que contará coa participación de máis de medio cento de expositores, na súa maioría particulares apaixonados por esta especie.
A inauguración oficial terá lugar hoxe ás 12:00 horas, e o horario de visita será, hoxe, de 16:00 a 20:00 horas. Mañá, domingo 12 de abril, o horario será de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
O concelleiro de Cultura e Festas, Bienvenido Estévez, mostrou o seu optimismo ante a convocatoria: «Agardamos que a mostra sexa aínda máis concorrida que a do ano pasado».
TéAreeiro
O evento conta co apoio da Deputación de Pontevedra, cuxa colaboración foi especialmente recoñecida polo alcalde Lorenzo. O deputado provincial Javier Tourís aproveitou o acto para poñer en valor o proxecto TéAreeiro, un té natural de orixe galega que xa figura nas cartas de varios chefs con Estrela Michelín. Tourís anunciou ademais que se asinará un convenio coa Xunta de Galicia para seguir potenciando este produto: «Galicia pode innovar desde o que é propio», sinalou.
O TéAreeiro, elaborado a partir das follas da camelia, foi degustado polos asistentes tras a presentación, converténdose nun símbolo tanxible de como esta flor vai moito máis alá da ornamentación e ten un futuro prometedor na gastronomía e na industria galega.
A combinación dunha exposición cultural, a participación de coleccionistas e afeccionados particulares e o respaldo institucional da Deputación e da Sociedade Española da Camelia converten esta cita nunha das máis singulares do calendario primaveral galego. A flor máis galega de todas ten casa, e este fin de semana esa casa chámase O Porriño.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas