O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
competición
y Fútbol, balonmán e baloncesto levaron á vila a competicións da máis alta esixencia

O Alevín B da Escola Denis Suárez acadou o terceiro posto no IV Torneo Cidade de Valença. | // D.P.
O deporte base de Salceda de Caselas estreou a primavera cunha intensa actividade internacional, con tres disciplinas deportivas representando á vila en torneos internacionais celebrados en Portugal.

O Club BM Caselas xogou en São João de Madeira. | // D.P.
Fútbol: terceiro posto

Delegación do C.B. Caselas participante no XXII Torneio Internacional. | // D.P.
O Alevín B da Escola de Fútbol Denis Suárez cruzou a fronteira para disputar o IV Torneo Cidade de Valença U11, unha cita de alto nivel que reuniu algunhas das mellores canteiras de Portugal e clubs referentes da zona. Nun ambiente de excelente organización, os cativos mediron as súas forzas contra equipos da talla do S.C. Braga, F.C. Famalicão, Vitória S.C. ou Gil Vicente F.C.
Na fase de grupos, o equipo amosou solidez defensiva e gran pegada: goleada ante o S.C. Valenciano (0-7), empate sen goles fronte ao S.C. Braga, e vitorias axustadas contra a U.D. Santa Mariña (1-2) e o F.C. Famalicão (1-2). Estes resultados valeron a clasificación para as semifinais na zona alta da táboa.
Na Final Four, o equipo caeu na semifinal ante o potente Vitória Guimarães por un axustado 1-0. Con todo, na disputa polo terceiro posto fronte ao Gil Vicente F.C., a cativada de Salceda respondeu cunha actuación de máxima intensidade que rematou en empate e resolveuse nunha emocionante tanda de penaltis favorable ao equipo galego. Un meritorio terceiro posto nun torneo de enorme esixencia que reflicte o crecemento continuo destes xogadores.
Balonmán en Madeira
Entre o 1 e o 4 de abril, as categorías infantil, cadete e xuvenil do Club BM Caselas participaron no torneo internacional Andebolmanía, celebrado en São João de Madeira. Trátase dunha competición de enorme magnitude, con 250 equipos procedentes de Brasil, Melilla, Valladolid, País Vasco e unha ampla representación de Galicia e Portugal, reunindo a 2.500 xogadoras e xogadores.
Máis aló dos resultados deportivos, a experiencia serviu para que as mozas de Salceda convivisen durante 24 horas con deportistas de diferentes países e culturas, desfrutando dun balonmán de moi bo nivel. Desde o club quixeron agradecer especialmente ás directivas e persoas voluntarias, como Zara, que dedican o seu tempo libre para facer posible que a rapazada de Salceda poida vivir este tipo de experiencias.
Baloncesto na Eurocidade
Os equipos Premini, Mini Feminino e Mini Masculino do C.B. Caselas participaron, como xa é tradición, no XXII Torneio Internacional Eurocidade de Valença do Minho. Unha expedición de 40 xogadores e adestradores compartiu dous días e unha noite entre os máis de 500 participantes e 40 equipos deste certame histórico, representando con orgullo a Salceda. O club agradeceu ao BC Valença o convite de cada tempada.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas