O CRA María Zambrano aprende a reciclar
ecoloxía
y A iniciativa busca fomentar hábitos ambientais responsables desde a infancia e avanzar cara a unha economía circular

Sesión de reciclaxe no CRA María Zambrano. | // D.P.
O alumnado do CRA María Zambrano de O Rosal participou nun obradoiro de reciclaxe organizado polo Concello co obxectivo de promover entre os máis novos hábitos responsables na separación de residuos e impulsar unha cultura de reutilización e economía circular desde idades temperás.
Durante a sesión, a cativada tomou parte en dinámicas prácticas e participativas nas que aprenderon a separar correctamente os residuos, identificar os materiais reciclables, evitar erros frecuentes e comprender o impacto positivo que os pequenos xestos diarios teñen no medio ambiente. A través de xogos e exemplos próximos á súa realidade cotiá, o alumnado descubriu que reciclar é sinxelo e está ao alcance de todas e todos.
A actividade foi valorada moi positivamente tanto polo profesorado como polo alumnado, que destacaron o seu carácter práctico e motivador, reforzando os contidos ambientais xa traballados nas aulas.
A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia desta liña de traballo: «Educar na sostibilidade desde a infancia é unha ferramenta fundamental para construír un futuro máis respectuoso co medio ambiente. Estas actividades permiten á rapazada interiorizar hábitos que despois trasladan ás súas casas e á súa contorna. O cambio comeza nos pequenos xestos do día a día».
O Concello de O Rosal continuará impulsando accións de educación ambiental ao longo do curso escolar, reforzando o seu compromiso coa sustentabilidade e coa creación de hábitos saudables e responsables. Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, no marco da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade.
Para máis información, pódese consultar a web municipal ou contactar no teléfono 647 521 464 ou no correo info@ocaminosostible.gal.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas