Nigrán estrea mañá a curta sobre Carmen Rial
Emigración

Carmen Rial, de 92 anos, na súa casa de Chandebrito. | // D.P.
O Concello de Nigrán estrea mañá, domingo 12 de abril, ás 19:00 horas, na praza do lavadoiro de Chandebrito a curta documental Carmen Rial Rodríguez. Historia dunha emigrante de Chandebrito. A peza, filmada pola camarógrafa miñorana Cris Grande, forma parte da iniciativa municipal «Nigrán na memoria» e pasará a engrosar o Arquivo Histórico Audiovisual do municipio.
A través da historia persoal desta veciña de 92 anos, o Concello quere manter vivo o recordo dunha das páxinas máis significativas e dolorosas da identidade galega: a emigración masiva a América do Sur durante o século XX.
Unha vida entre patrias
Carmen Rial Rodríguez tiña 19 anos cando, en 1953, tomou a difícil decisión de emprender soa o camiño cara a Montevideo, seguindo os pasos que antes dera o seu pai e moitos outros veciños de Chandebrito e do municipio de Nigrán. A súa infancia non fora doada: quedou orfa de nai con só 3 anos e desde os 11 vivía de xeito practicamente independente na aldea, coa axuda dos seus tíos. «Aquí tiven unha vida moi dura. A miña nai morreu nun parto, despois o meu pai volveu casar e pronto volveu enviuvar, despois el marchou... foi unha vida dura», recorda ela mesma na curta.
O día da partida quedou gravado para sempre na súa memoria. «Moitas bágoas de tristura e felicidade ao mesmo tempo, a xente nova saíu a acompañarme e cantaban polo camiño a copla de «Adios, mi España querida»», rememora Carmen xunto á súa querida prima Rosa, que tamén aparece no documental. «Aínda hoxe me parece que estou a vivir ese mesmo día, non se me borrou máis», engade. Rosa, pola súa banda, confesa entre bágoas que nunca foi quen de pedirlle que non marchase, pero que chorou moito aquela xornada: «Hei morrer con esa pena».
Desde aquela marcha pasaron 25 longos anos ata que Carmen puido regresar por primeira vez de vacacións e contemplar de novo a súa aldea, daquela aínda sen pavimentar. Mentres tanto, a vida en Montevideo fora abrindo camiño. A través dos contactos da rede de emigrantes galegos que xa estaban asentados na capital uruguaia, Carmen conseguiu pronto traballo nun laboratorio. Máis adiante casou cun compañeiro uruguaio e dedicou boa parte da súa vida á crianza da súa filla. «Tiven moi boa vida alí, tiven todo, e teño uns netos e un xenro marabilloso, pero o que me falta é a miña filla», di con tristura.
O regreso e as dúbidas
Foi precisamente a morte da súa única filla, hai tres anos, o que desencadeou o proceso de reflexión que culminou co seu retorno a Chandebrito en outubro de 2025. «Cando ela morreu a casa caeume enriba e comecei a preguntarme que facía alí en Montevideo, sen ela, aínda sabedora de que todo o tiña alí. Así foi cando comecei a considerar o retorno», confesa Carmen no documental.
O regreso supuxo nun primeiro momento un bálsamo para ela, a posibilidade de pechar na súa terra o seu periplo vital, de reencontrarse coas súas raíces e coa súa prima, de respirar o aire de Chandebrito despois de décadas. Mais co paso dos meses as inseguridades e as incertezas foron medrando. O corazón de Carmen está dividido entre dúas patrias, e en ningunha delas encontra o verdadeiro acougo. «A día de hoxe, xa aquí, non estou segura de nada», recoñece ela mesma con honestidade e valentía. De feito, en poucos días Carmen volverá partir cara a Montevideo, sen que quede claro se será de maneira definitiva ou non.
O alcalde de Nigrán, Juan González, subliña o valor colectivo deste testemuño individual. «A Historia de Carmen é a Historia de miles de galegos que marcharon e que non perderon o amor á súa terra», afirma, e insiste en que o obxectivo de gravar a Carmen é precisamente manter vivo ese recordo da emigración no municipio. «A súa testemuña é común á gran maioría: emigraron porque a vida no rural na posguerra era verdadeiramente dura, con poucas perspectivas de futuro, e en Sudamérica sabían por outros veciños ou familiares que abondaba o traballo e, por tanto, había esperanza», explica González.
A iniciativa «Nigrán na memoria» procura recuperar e preservar a memoria histórica do municipio a través de formatos audiovisuais accesibles para a cidadanía. O Arquivo Histórico Audiovisual que alimenta este proxecto constitúe un patrimonio inmaterial de gran valor para as xeracións presentes e futuras, que poderán así coñecer de primeira man como vivían, soñaban e sufrían os seus devanceiros.
A estrea do domingo na praza do lavadoiro de Chandebrito será un acto aberto a toda a veciñanza, nun escenario especialmente simbólico para a propia Carmen e para a comunidade que a viu marchar hai máis de sete décadas e que agora a recibe de volta, con toda a complexidade emocional que iso implica.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas