Luar na Lubre celebrará os seus 40 anos no Chandefolk
concertos
y O grupo, referente internacional, actuará este verán na carballeira de Chandebrito

Luar na Lubre. | // FDV
O Concello de Nigrán acollerá o vindeiro sábado 29 de agosto unha nova edición do festival Chandefolk co grupo Luar na Lubre como cabeza de cartel. A formación coruñesa ofrecerá un concerto de balde na carballeira de Chandebrito encadrado na súa xira «40 aniversario», co respaldo do programa +Música da Deputación de Pontevedra. A actuación chega apenas un ano despois de que o grupo recibise a prestixiosa Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o maior recoñecemento institucional das artes en Galicia.
O alcalde de Nigrán, Juan González, non agochou o seu entusiasmo ante o anuncio: «Luar na Lubre é hoxe en día a banda máis internacional da Galiza, non podemos estar máis orgullosos de que veñan a Chandebrito». A presenza deste grupo no Chandefolk súmase a un palmarés que inclúe nomes como Milladoiro, Budiño, Susana Seivane ou Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre.
Catro décadas
Fundada na Coruña en 1986, Luar na Lubre naceu coa vocación de interpretar, desenvolver e divulgar a música e a cultura galega. Ao longo de catro décadas de traxectoria, a banda percorreu máis de 35 países ofrecendo máis de 2.000 concertos, converténdose nun dos embaixadores máis recoñecidos da cultura galega no exterior.
Un dos momentos clave da súa carreira chegou en 1992, co encontro co músico británico Mike Oldfield, que derivou nunha estreita colaboración. En 1996, Oldfield gravou a súa propia versión do tema «O son do ar» baixo o título «The song of the sun», e en 1999 o grupo uniuse á súa xira Then & Now, o que disparou a proxección internacional da formación galega.
Recoñecementos
Os números avalan a súa traxectoria: máis de 350.000 álbums vendidos, dous Discos de Ouro e 9 Premios da Música Galega, entre outros galardóns. O grupo tamén participou en festivais internacionais xunto a artistas como The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof, e compartiu escenario con figuras españolas como Víctor Manuel, Miguel Ríos, Luz Casal ou Diana Navarro.
O seu repertorio baséase nas músicas de raíz con perspectiva de modernidade, e é interpretado por oito músicos: Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Cristina López (voz), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhrán e tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina e efectos), Xan Cerqueiro (frautas) e Brais Maceiras (acordeón).
O concerto do 29 de agosto en Chandebrito será de entrada libre.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas
- O deporte base de Salceda brilla nos torneos internacionais de Portugal
- Música e ocio danse a man en Salceda de Caselas