Jazz
Nigrán celebra o IV «Primavera de Jazz» con músicos de culto
A programación comeza hoxe co aclamado pianista Yago Vázquez

Yago Vázquez abrirá hoxe o «Primavera de Jazz» | // D.P.
O Concello de Nigrán pon hoxe en marcha o seu cuarto ciclo «Primavera de Jazz». Esta esperada iniciativa abrirá a súa nova edición da man do prestixioso pianista vigués afincado en Nova York, Yago Vázquez. Deste xeito, o municipio volve conformar un cartel excepcional que reúne artistas galegos de enorme proxección internacional, converténdose de novo nun gran referente cultural na comarca.
Todos os recitais terán lugar no Auditorio Municipal ás 20:30 horas cunha entrada totalmente gratuíta ata completar a capacidade do recinto, buscando así achegar a cultura á veciñanza co forte apoio económico da Deputación de Pontevedra mediante o seu «Plan + Provincia». Segundo explica o alcalde, Juan González, o goberno local leva catro anos achegando os mellores intérpretes de jazz do país fóra da tradicional tempada estival, o que supón «un auténtico luxo para un público moi fiel». Despois de dezanove anos ininterrompidos celebrando o festival Nigranjazz, o municipio consolidou unha base sólida de espectadores que demanda música en directo durante todo o ano, unha necesidade á que tamén se suma o propio alumnado da Escola de Música. Por este motivo, o Concello aposta decididamente por esta cita para conformar unha gran plataforma que impulse o talento galego.
Yago Vázquez
A inauguración correrá a cargo de Yago Vázquez, un virtuoso pianista vigués convertido nun rostro habitual da esixente escena neoiorquina que iniciou a súa formación no Conservatorio de Música de Vigo. Tras perfeccionar o seu talento no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, o seu innegable potencial levouno no ano 2008 a Nova York cunha bolsa de estudos para acabar graduándose con honras dous anos despois. Ao longo da súa exitosa traxectoria, este artista gañador do Premio Martín Códax da Música no ano 2018 e posuidor de máis de trinta álbums compartiu escenario con figuras lendarias da talla de Reggie Workman ou Gilad Hekselman. As súas maxistrais actuacións foron aclamadas nos clubs máis prestixiosos do mundo, dende o Jazz at Lincoln Center ata o recoñecido Blue Note, sumando ademais longas xiras internacionais por decenas de países de Europa, Asia e América.
Noar
O ciclo continuará o sábado 25 de abril coa actuación de «Noar», a innovadora proposta musical encabezada por Iago Marta á guitarra e Rubén Fernández á voz. Estes dous experimentados músicos traen á vila un proxecto caracterizado pola súa profunda procura artística, onde o que naceu como un dúo transfórmase no escenario nun potente cuarteto coa incorporación de Yudit Almeida ao contrabaixo e Zalo Rodríguez aos teclados. Mantendo a mesma esencia sutil e intensa que definiu o seu anterior traballo discográfico «Ao vivo», a formación amplía agora os seus horizontes sonoros para sorprender a todo o público asistente. Así, o seu novo repertorio achégase con gran valentía á canción de autor e ao pop contemporáneo, pero sen perder nunca as ricas pinceladas de jazz que están sempre presentes no universo musical deste atractivo proxecto.
Juzz
O colofón final chegará o 30 de maio con «Juzz», a banda liderada polo incansable guitarrista Virxilio da Silva, cuxa enorme versatilidade impide cinguilo a un único xénero malia estar habitualmente vinculado á escena jazzística. Ademais de acumular dúas décadas colaborando en innumerables gravacións como músico de sesión, Da Silva colidera con éxito formacións como Foxy Freire ou Loiros mentres desenvolve este proxecto persoal cuxas orixes remóntanse ao seu mestrado en Holanda. O primeiro disco homónimo deste grupo condensou influencias tan variadas como o rock psicodélico, o pop de vangarda experimental e o stoner máis puro. A súa máxima vital e profesional pasa pola absoluta liberdade creativa por riba de calquera etiqueta preestablecida, buscando manifestar sempre unha esencia puramente subversiva que ven de recibir excelentes críticas musicais tras a reedición do seu debut en abril do pasado 2024.
Concurso de carteis nunha vila que ama o Jazz
Mantendo o foco na música jazz ao longo de todo o ano. o Concello de Nigrán ven de convocar ,tamén, o concurso de carteis Nigranjazz Quin Alborés, dotado cun premio único de 700 euros, para seleccionar a imaxe oficial da nova edición do festival Nigranjazz este verán.
O prazo de presentación das propostas rematará o vindeiro mércores 6 de maio. Este consolidado certame rende homenaxe ao falecido artista local Quin Alborés, gran apaixonado deste xénero musical e deseñador dos tres primeiros carteis do evento.
A convocatoria está aberta a calquera persoa maior de idade, que poderá presentar un máximo de dúas obras inéditas.
Os traballos deben contar cunha estética vinculada ao jazz e presentarse en formato vertical tamaño A2, e deben ser anónimos de acordo co previsto nas propias bases, poidendo enviarse as propostas por correo electrónico, por Rexistro ou Correos, seguindo as indicacións facilitadas na convocatoria.
Juan González, alcalde do municipio, destacou o orgullo de unir música e deseño baixo o paraugas do jazz. As bases completas están dispoñibles na páxina web oficial do concello de Nigrán.
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- «En liquidación»: cierra la cadena de moda Emilio Iglesias, con cuatro tiendas en Vigo
- Indra contratará a 170 personas en Galicia y centrará en Vigo su centro de ingeniería para guerra electrónica
- Desbloquean las cesáreas humanizadas en el hospital Álvaro Cunqueiro tras un año paralizadas y prevén retomarlas en mayo
- Papá y mamá te acompañan: Carla Lago se estrena en la Vig-Bay tras perder a sus padres en dos años por inesperadas enfermedades
- El Nicolás Peña, el centro de salud joven y pequeño que cierra sus puertas para integrarse en el que será el mayor de Galicia