A Franqueira, unha porta de esperanza
SEMANA santa

Unha imaxe da Semana Santa na Franqueira
A Semana Santa na Franqueira constitúe un dos momentos máis intensos e significativos do calendario relixioso e comunitario deste santuario mariano da Diocese de Tui-Vigo. Cada ano, centos de persoas achéganse ata este lugar de fonda devoción para participar nun tempo de recollimento, oración e reflexión arredor da paixón, morte e resurrección de Xesús. Neste contexto, o Venres Santo ocupa un lugar especialmente destacado, non só polos solemnes Oficios da Paixón e Morte do Señor, senón tamén por unha representación que, desde o ano 2017, se converteu nunha cita moi esperada por fieis e visitantes.

Unha imaxe da Semana Santa na Franqueira | // D.P.
O día 3 de abril, ás 7:30 da tarde, unha vez rematados os Oficios, celebrarase no propio santuario da Franqueira unha nova edición desta representación relixiosa. Trátase dunha iniciativa na que participan persoas das parroquias da Franqueira, Prado da Canda e Lamosa, que se implican con entrega e entusiasmo para dar vida a unha proposta que busca achegar os acontecementos da paixón de Cristo dunha maneira viva, profunda e renovada.
Un dos aspectos máis valiosos desta representación é que cada ano presenta un texto diferente, o que permite ofrecer unha visión nova dos feitos que tiveron lugar en Xerusalén hai dous mil anos. Así, non se trata simplemente de repetir unha escenificación tradicional, senón de abrir novas portas á meditación e á comprensión espiritual do misterio pascual. Esta capacidade de renovación converte a representación nun exercicio creativo e pastoral de grande valor para a comunidade.
O argumento deste ano leva por título Diálogos no sepulcro e xira arredor do sepulcro do Señor, segundo explicou o rector do Santuario Javier Alonso Docampo. O escenario sitúase no xardín próximo ao Calvario, no lugar onde foi depositado o corpo de Xesús despois da crucifixión. Ese espazo de silencio, dor e espera convértese nun lugar simbólico de encontro entre diversos personaxes que, dun ou doutro xeito, estiveron unidos á paixón de Cristo. Entre eles atópanse o centurión romano, Nicodemo, María Magdalena, Simón de Cirene, a Verónica, Pedro e María de Nazaret, Nai de Xesús.
Cada un destes personaxes achega a súa voz, a súa experiencia e a súa mirada sobre o que aconteceu. A través dos seus diálogos, o público é convidado a penetrar no drama humano e espiritual que envolve a morte de Xesús. A representación non se limita a narrar feitos, senón que explora sentimentos, preguntas, dúbidas e esperanzas. O sepulcro, co corpo de Cristo no seu interior, aparece así como testemuña muda dunha transformación que comeza a xermolar no corazón daqueles que o seguiron e que, malia a dor, se resisten a perder a esperanza.
As escenas van intercaladas con cantos interpretados por un pequeno coro, o que achega maior intensidade emocional e espiritual ao conxunto. A música, unida á palabra e á posta en escena, contribúe a crear un clima de recollemento que favorece a oración e a contemplación.
Esta representación quere ser, en definitiva, unha maneira de reflexionar, meditar e orar a paixón do Señor. Na Franqueira, a Semana Santa non é só lembranza dun feito pasado, senón unha experiencia viva de fe compartida. E no silencio do sepulcro, queda aberta, unha vez máis, a porta da esperanza.
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Aceleran los proyectos más esperados: centro de mayores de Amancio Ortega, O Posío y el gran parque y piscinas de Ponte Canedo
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- «Éxito» en la huelga del sector textil en Galicia para impedir el avance de un posible convenio estatal
- Renfe lanza su «Plan Galicia 2026» con los Avril: será la primera vez que añada trenes en el Eje Atlántico entre Vigo y A Coruña desde 2015
- La Xunta acomete el mayor movimiento de personal de su historia: 3.200 empleados públicos cambian de puesto, el 12 por ciento de toda la plantilla