Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Normalización

«Espallar Tinta» enche a Alameda de Castelao

A cuarta edición da iniciativa reuniu alumnado de doce centros para compartir contido escrito en galego, nunha festa educativa aberta

«Espallar tinta», o pasado xoves.   | //D.P.

«Espallar tinta», o pasado xoves. | //D.P.

[Redondela]

A Alameda Castelao de Redondela transformouse esta semana nun gran espazo literario coa inauguración da IV edición de «Espallar Tinta», unha iniciativa na que preto de 700 nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria amosaron as súas creacións escritas en galego. A actividade, impulsada polo Concello e o CEIP Cedeira, reivindica a expresión artística da infancia e o valor da lingua galega a través de contos, poemas e textos inspirados en autores como Julio Verne ou Rosalía de Castro.

Na primeira xornada do evento participaron os colexios de Cedeira, Ventosela, Alexandre Bóveda, EEI Marisma, Quintela, Colexio Vigo e, por primeira vez, o CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes. Mañá farano os centros Igrexa-Chapela, Santa Mariña, Outeiro das Penas, San Pedro de Cesantes e Reboreda, que compartiron as súas propostas co público.

A alcaldesa Digna Rivas destacou a importancia de «crear espazos abertos onde os nenos e nenas poidan expresarse en liberdade e dar a coñecer o seu traballo». Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, salientou o valor destas xornadas «para fomentar a convivencia e o intercambio de experiencias entre os centros».

A festa completouse co espectáculo O Show de Fifo, de Troula Animación, que encheu a Alameda de maxia e humor. Como lembranza, todos os participantes recibiron un caderno serigrafiado coa mascota do evento.

«Espallar Tinta», nacido da iniciativa do CEIP Cedeira hai catro anos, converteuse nun referente educativo e cultural en Redondela, consolidándose como un espazo no que a palabra escrita e a creatividade infantil son as verdadeiras protagonistas.

Tracking Pixel Contents