A cativada porriñesa celebra o Día da Árbore
ecoloxía

Plantación de árbores na Risca. | // D.P.
Risas, ilusión e moita terra nas mans. Así comezaron a semana medio cento de alumnos e alumnas dos colexios Hermanos Quiroga e José Fernández López do Porriño, que celebraron o Día da Árbore e o Día dos Bosques cunha plantación de 25 castiñeiros na contorna da Risca, un dos espazos naturais máis queridos da vila.
O evento, promovido polo Concello en colaboración coa Comunidade de Montes Santa María de O Porriño, serviu para que os máis pequenos coñecesen de preto a importancia de coidar o medio ambiente e contribuísen de maneira activa á súa conservación.
A prantación desenvolveuse en terreos comunais e contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo; do concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González; e do presidente da Comunidade de Montes, que acompañaron o alumnado durante toda a actividade.
Ademais, varias persoas da comunidade forestal supervisaron os traballos e explicaron o paso a paso para colocar as novas árbores no chan con coidado e responsabilidade.
«Neste día falamos de futuro: o futuro da nosa vila e o das xeracións que veñen detrás», subliñou o alcalde Alejandro Lorenzo, mentres miraba como o grupo de escolares regaba os exemplares acabados de plantar.
Para moito do alumnado participante, esta foi a primeira vez que visitaban a Risca, un dos enclaves ambientais máis significativos do Porriño. Situada nunha contorna privilexiada, esta zona destaca pola súa riqueza ecolóxica, a variedade da súa flora e fauna e o valor paisaxístico que representa para todo o val do Louro.
Co paso dos anos, convertiuse nunha auténtica infraestrutura verde que serve de refuxio para a biodiversidade e de espazo de lecer para veciñanza e visitantes.
Durante a xornada, membros da Comunidade de Montes explicaron á rapazada a importancia deste ecosistema e o papel que xogan as árbores na vida cotiá. «A Risca é un pulmón verde para o Porriño», comentaron, «pero tamén é unha aula ao aire libre onde podemos aprender o valioso que é o noso patrimonio natural». Falaron, ademais, da función que teñen os bosques para previr incendios e inundacións, regular a auga ou absorber dióxido de carbono, cuestións todas elas fundamentais nun contexto de cambio climático.
A prantación escolleu unha especie moi particular: o «castiñeiro Maruxa», un clon híbrido de castiñeiro recoñecido polo seu crecemento vigoroso e a súa resistencia ás enfermidades.
A elección non é casual, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González: «Buscamos unha especie autóctona que se adapte ben á zona e que poida medrar con forza, contribuíndo á rexeneración natural destes terreos e ao mesmo tempo ofrecendo unha oportunidade educativa para as novas xeracións».
O obxectivo central desta iniciativa, segundo explicou o Concello, é dobre: por unha banda, contribuír á conservación e ampliación das masas arboradas do municipio, e, pola outra, fomentar entre o alumnado unha conciencia ecolóxica fonda e duradeira. «Queremos que comprendan que cada xesto conta. Cando prantamos unha árbore, estamos construíndo futuro», afirmou González.
A actividade forma parte dun programa municipal de educación ambiental que o Concello do Porriño desenvolve ao longo do ano con distintas accións: limpezas simbólicas de ríos e camiños, visitas guiadas a espazos naturais e campañas de sensibilización sobre o uso responsable dos recursos. «O medio ambiente é transversal», indicou o alcalde, «e debe integrarse na aprendizaxe e nos valores da infancia desde o principio».
A cativada traballou por grupos, repartindo funcións: mentres uns cavaban, outros preparaban as regadeiras ou colocaban as estacas que marcarán o crecemento dos castiñeiros. Ao final, todos e todas deixaron colgado un pequeno cartel co seu nome, para poder volver no futuro e ver como medra o seu «Maruxa».
O Día da Árbore é unha data pensada para poñer en valor o papel esencial das árbores e dos ecosistemas forestais na vida do planeta. En Galicia, esta conmemoración adquire un significado especial pola estreita relación entre a cidadanía e o montes
A pesar de ser unha xornada simbólica, o impacto é real. Cada un dos 25 castiñeiros «Maruxa» contribuirá á mellora da calidade do aire e ao equilibrio hídrico da zona, axudando a fixar o solo e reducindo o risco de erosión. «Son pequenos pasos, pero todos necesarios», comentou un dos profesores acompañantes.
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- Iturmendi, una ferretería con más de 80 años que vendió las primeras lavadoras de Vigo