Equidade
Tui conmemora o 8 de marzo reivindicando xustiza e igualdade
A maxistrada Paz Filgueira deu lectura ao manifesto no acto institucional de apertura

Sobre estas liñas Ana Núñez, Enrique Cabaleiro, Sonsoles Vicente e Paula Cabaleiro. Á dereita, Marilar Aleixandre pechará a programación. | // D.P. / XOSÉ CASTRO
O Concello de Tui conmemora este ano o Día Internacional da Muller baixo o lema «Dereitos, Xustiza e Acción, por e para todas», cunha programación ampla e diversa que busca promover a igualdade real entre mulleres e homes.

Tui conmemora o 8 de marzo reivindicando xustiza e igualdade
A través da Concellería de Igualdade, o goberno tudense promove unha serie de actividades que poñen o foco na necesidade de converter os dereitos conquistados en xustiza efectiva e acción transformadora no día a día das mulleres.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, subliña que «esta programación é unha mostra do compromiso firme deste goberno coa igualdade. O 8M é memoria, é reivindicación e tamén é acción política desde o local para transformar a sociedade». Engade que o obxectivo non é só conmemorar a data, senón que «o programa sirva de instrumento de cambio real para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria en Tui».
Programación
Durante todo o mes de marzo, o Concello de Tui propón un conxunto de actividades que procuran sensibilizar á cidadanía sobre as desigualdades aínda existentes, xerar espazos de reflexión e formación arredor da xustiza e as políticas de igualdade, e visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos. Ademais, o programa pon especial énfase en fomentar a participación comunitaria como ferramenta esencial de transformación social.
Outra das liñas centrais da programación é o apoio ao talento e ao emprendemento feminino, promovendo a autonomía das mulleres e a súa presenza activa no tecido económico e cultural local. «A igualdade non é un obxectivo illado, senón un eixo transversal que debe impregnar todas as políticas municipais», destaca Núñez.
Cartel con selo feminino
O cartel oficial do 8M deste ano leva a sinatura da recoñecida ilustradora galega Luz Beloso, un nome de referencia no panorama artístico contemporáneo. A través da súa obra, Beloso quixo representar distintas xeracións de mulleres unidas por un fío que, formando unha balanza, as conecta. Con esta elección, o Concello quixo dar visibilidade ao talento feminino e recoñecer o papel das creadoras na construción do discurso cultural da igualdade.
O acto central da programación tivo lugar este venres no Teatro Municipal, e contou coa participación da maxistrada Paz Filgueira, encargada de dar lectura ao manifesto institucional do 8M. A presentación correu a cargo da xestora cultural Paula Cabaleiro, e o evento abriuse coa acción escénica «4.0» da artista Sue Moreno.
O alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui ofreceu unha homenaxe ás compositoras co gallo da celebración, e fíxose un recoñecemento especial á Asociación de Amas de Casa de Tui, que celebra o seu 34 aniversario como entidade activa no tecido social e comunitario da cidade.
Cinema
O programa inclúe tamén accións culturais que convidan á reflexión a través do cinema. En colaboración co Cineclub Tui, proxectarase no Espazo Sociocultural, o xoves 12 Yo soy Nevenka, ás 19 horas. A proxección pretenden achegar ao público á loita das mulleres por acadar a igualdade e o respecto dos seus dereitos.
Próximos eventos
Hoxe ás 12.30 horas, inaugurarase na Oficina de Turismo a exposición «Pinceladas de Muller», organizada pola Asociación Tide Arte. A mostra reúne obras que visibilizan a creación artística en feminino e estará aberta ao público ao longo de todo o mes.
A fin de semana do 15 e 16 de marzo, o Espazo Sociocultural acollerá o II Mercado Elas Facedoras, unha iniciativa que reúne artesás, creadoras e emprendedoras de diferentes disciplinas. Este evento ofrecerá tamén actividades paralelas, como monólogos, mesas redondas e actuacións musicais, co obxectivo de fomentar a colaboración e dar visibilidade ás mulleres que desenvolven proxectos culturais e empresariais no ámbito local e comarcal.
O programa complétase co encontro «Conversa con Marilar Aleixandre», o luns 23 de marzo ás 19 horas, arredor do seu libro As bocas cosidas. A escritora abordará temas como a memoria, a violencia simbólica e a voz das mulleres na literatura, nun diálogo aberto con todo o público asistente.
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo