Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

«S8mos imparables» para reivindicar a igualdade no Rosal

Charlas, roteiros, teatro e encontros sobre saúde e feminismo protagonizan a campaña

Gemma Marques abriu a programación falando de Maruja Mallo.   | // FDV

Gemma Marques abriu a programación falando de Maruja Mallo. | // FDV

[O Rosal]

O Rosal volve converter marzo no mes da muller cunha ampla programación cultural e participativa para conmemorar o Día Internacional da Muller baixo o lema «S8MOS imparables». O Concello impulsa unha axenda de actividades gratuítas que mesturan reflexión, arte e convivencia para seguir avanzando en igualdade.

As propostas comezaron este venres 6 de marzo cunha charla sobre a artista e referente feminista Maruja Mallo, a cargo de Gemma Marqués, no Centro Social Polivalente. O domingo 8 celebrarase o Roteiro 8M en familia, con saída desde a Praza do Calvario, seguido da concentración institucional, a inauguración dunha exposición do alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e a representación teatral Bravas, con Isabel Risco, no Auditorio Municipal.

A programación continuará o 13 de marzo cos Venres Rebuldeiros, centrados na igualdade infantil; o 21 cunha sesión sobre hormonas femininas e o 26 cun Café en Igualdade sobre endometriose.

A alcaldesa Ánxela Fernández Callís subliñou que o 8M é «un momento para aprender e celebrar os avances sen esquecer o camiño que falta». A concelleira Beatriz Rodríguez destacou o obxectivo de «crear espazos seguros e visibilizar as realidades das mulleres».

Tracking Pixel Contents