Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Programación

Gondomar programa pola igualdade

Sobre estas liñas, intervención de Paco Ferreira no 8M de 2025. Á esquerda, acción formativa polo 8M en 2025.   | // D.P.

Sobre estas liñas, intervención de Paco Ferreira no 8M de 2025. Á esquerda, acción formativa polo 8M en 2025. | // D.P.

[Gondomar]

O Concello de Gondomar celebra esta semana o Día Internacional da Muller cunha intensa programación de actividades que se estenden ata o 9 de marzo. O obxectivo é reafirmar o compromiso municipal coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a través dun conxunto de propostas culturais, reivindicativas e de participación cidadá.

Gondomar programa pola igualdade

Gondomar programa pola igualdade

A programación arrancou o pasado xoves no IES Auga da Laxe, coa actividade «Glicinias de gancho», unha iniciativa enmarcada no proxecto colectivo Árbore das Glicinias. Esta proposta, desenvolvida en colaboración co centro educativo, buscou visibilizar o traballo das mulleres e a súa contribución ás redes comunitarias a través da artesanía. Durante as semanas previas realizáronse varias sesións do obradoiro «Glicinias para o 8M», nas que participaron máis de trinta persoas de diferentes asociacións e entidades locais, ademais de alumnado, persoal docente e familias. O resultado do proceso foi a elaboración manual de glicinias de gancho que posteriormente se colgaron na entrada do instituto, simbolizando a unión e a creatividade feminina como ferramentas de cambio social e recoñecemento colectivo.

Teatro e encontro social

A programación central continúa hoxe, sábado 7 de marzo, cunha cita teatral no Auditorio Municipal Lois Tobío, ás 19:00 horas. Representarase a obra Bernarda (Vilalba, 1975), recomendada para maiores de 14 anos. O espectáculo, ambientado en Galicia tras a morte de Franco, narra a historia de Bernarda, unha viúva que impón un estrito loito de dous anos ás súas fillas xemelgas. A peza aborda temas universais como o control, a tradición e a loita das mulleres por atopar o seu lugar nunha sociedade que comeza a transformarse. Segundo destaca a organización, a obra convida á reflexión sobre o papel da muller no pasado recente e sobre os retos que aínda persisten na conquista da igualdade. As entradas poden adquirirse a través da plataforma en liña taquilla.concellodegondomar.gal.

Xa pola noite, ás 21:30 horas, a Asociación de Mulleres Rurais San Benito de Gondomar organizará a tradicional Cea-Baile, un encontro que combina celebración e reivindicación. Trátase dunha cita moi agardada no calendario social do municipio, na que participan decenas de mulleres de distintas parroquias, reforzando os lazos de convivencia e apoio mutuo.

Mobilización polo 8M

O domingo 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, terá lugar unha andaina reivindicativa que partirá ás 11:00 horas da Praza Paradela con destino a Ramallosa. Unha vez alí, realizarase a lectura dun manifesto pola igualdade, nun acto organizado pola Asociación de Mulleres Val Miñor Área Loura. Esta actividade combina deporte, participación e compromiso social, simbolizando o camiño compartido cara a unha sociedade máis xusta.

A programación municipal pecharase o luns, día 9, cunha concentración cidadá e lectura de manifesto na Praza Paradela, ás 11:30 horas. O acto, que contará coa colaboración dos IES Auga da Laxe e Terra de Turonio, busca implicar á comunidade educativa na defensa da igualdade e a loita contra a violencia machista.

Dende o Concello insístese en que a programación do 8M é só unha parte do traballo continuado que se desenvolve ao longo do ano en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero. Entre as actuacións máis destacadas atópanse cursos de defensa persoal feminina, programas de capacitación laboral dirixidos a mulleres, actividades culturais de sensibilización, campañas de visibilización e colaboracións estables con centros educativos, asociacións e clubs deportivos do municipio.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, subliñou que esta programación «é unha mostra do traballo constante que se realiza dende o Concello durante todo o ano para avanzar en igualdade».

Tracking Pixel Contents