Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Eventos

«Baiona Lila 2026», un 8-M con música, teatro e igualdade

Haberá actos institucionais, espectáculos familiares e actividades educativas

Bea Campos presentará Violeta non para quieta.   | // FDV

Bea Campos presentará Violeta non para quieta. | // FDV

[Baiona]

O Concello de Baiona vén de presentar «Baiona Lila 2026», un completo programa de actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A iniciativa, subvencionada pola Deputación de Pontevedra no marco da segunda liña do Plan Máis Provincia 2026, propón unha combinación de música, humor, teatro e accións formativas dirixidas a todos os públicos, co obxectivo de fomentar a igualdade e a sensibilización social.

A programación comezou o venres 6 de marzo ás 13.00 horas no Multiusos de Sabarís cun acto institucional acompañado de música e coa participación do alumnado de sexto curso do colexio de Sabarís. O encontro servirá para lembrar que «a igualdade constrúese cada día» e para poñer en valor os avances acadados neste eido.

O domingo 8 de marzo, coincidindo coa data conmemorativa, terá lugar a Gala Cirqueira, ás 17.00 horas tamén no Multiusos de Sabarís, cun espectáculo dirixido ao público familiar protagonizado por recoñecidas artistas galegas do circo e o clown.

A sensibilización continuará nos centros educativos ao longo dos días 9, 10 e 11 de marzo, coas representacións da peza Subterránea, de Mónica Sueiro, no IES Primeiro de Marzo e no CPI Cova Terreña. Este espectáculo recupera a memoria de mulleres artistas silenciadas pola historia. Pola súa banda, Bea Campos, de Migallas Teatro, achegará aos máis pequenos a sesión Violeta non para quieta, con contos que rompen estereotipos de xénero.

As actividades proseguirán o 17 de marzo coa sesión Contos da ratiña presumida na Galescola de Baiona, e do 23 ao 27 de marzo celebrarase nos colexios de primaria o xogo educativo «A oca xigante da corresponsabilidade», que promove o reparto equilibrado das tarefas no fogar.

O programa inclúe tamén formación tecnolóxica para mulleres, con tres talleres sobre fotografía creativa e o uso de aplicacións de Google, ademais dun obradoiro de coidado persoal coordinado por Natalia Gantes, que se desenvolverá de marzo a xuño.

A oferta completarase co espectáculo de monólogos MEIGAGs, de Arantxa Treus e Jazmín Abuín, o venres 20 de marzo, coa obra familiar Rosa e Azul de Pérez & Fernández o 22 de marzo, e coa peza teatral Iriña bailarina, de Teatro dos Ghazafelhos, o 29 de marzo, que pechará o ciclo cunha reflexión sobre igualdade e roles sociais.

Tracking Pixel Contents