Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Programación

A primavera florece en Tomiño con lecer e aprender

O Concello ofrecerá 40 actividades que comezan hoxe co espectáculo «Contos nunha roda: Rosalía»

Presentación da programación de primavera.   | // D.P.

Presentación da programación de primavera. | // D.P.

[Tomiño]

O Concello de Tomiño encara a primavera cunha programación chea de vida. Máis de medio milleiro de horas de cultura, formación e encontro farán da vila un fervedoiro de actividade entre febreiro e xuño, con preto de corenta propostas que abarcan desde a música e a literatura ata a maxia, os obradoiros e as iniciativas arredor da igualdade.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que esta completa axenda «é unha mostra do compromiso do Concello cunha cultura viva, accesible e transformadora, que chega a toda a veciñanza». Segundo destacou, non se trata só de ofrecer tempo de ocio, senón de crear «espazos para medrar, formarse, compartir e construír comunidade».

A programación comezou co Entroido e culminará en xuño, cun mes especialmente dedicado á literatura e á maxia. Un dos principais escenarios será o Espazo Isaura Gómez, que acollerá preto dunha ducia de actividades. A primeira cita terá lugar hoxe, 21 de febreiro, con «Contos nunha roda: Rosalía», unha proposta teatral e ilustrada a cargo de Esteban Acuña (Tarabelos) que servirá para celebrar o Día de Rosalía e o Día da Lingua Materna.

Por este mesmo espazo pasarán tamén destacadas figuras da literatura galega como Ledicia Costas e Francisco Álvarez Koki, ademais de obradoiros e experiencias de viaxes sonoras. O 24 de abril, o recinto acollerá unha homenaxe ao escritor Xosé Luis Franco Grande coa presentación da recopilación Un intre no tempo, publicada no 2025.

A OMIX de Tomiño reforzará o seu papel formativo con oito obradoiros que inclúen idiomas, manualidades e o curso oficial de monitor/a de tempo libre, unha titulación moi demandada no ámbito da animación sociocultural. Ademais, como novidade, nace o Club de Lectura Isaura Gómez, que se reunirá o último mércores de cada mes para descubrir novas voces literarias e compartir lecturas.

No mes de marzo, Tomiño porá o foco na igualdade, cun programa específico que ofrecerá concertos, teatro, charlas e obradoiros, reforzando o compromiso municipal coa sensibilización social e a igualdade real.

«Queremos que a veciñanza atope nesta programación unha actividade que lle faga sentirse parte activa da vida cultural do concello. A primavera florece en Tomiño grazas á implicación da súa xente», concluíu a alcaldesa.

Tracking Pixel Contents