Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Comparsas

O Rosal apraza o seu desfile de Entroido ao domingo 1 de marzo

O evento manterá horario e percorrido, cun milleiro de participantes

Comparsas do Rosal nunha edición anterior.   | // D.P.

Comparsas do Rosal nunha edición anterior. | // D.P.

[O Rosal]

Este inverno, a meteoroloxía impón o seu ritmo no calendario festivo. O Concello do Rosal aprazou o desfile de Entroido, previsto inicialmente para o pasado domingo, ante o tren de borrascas que «asolaga» a bisbarra.

O goberno local decidiu trasladar a celebración ao domingo 1 de marzo, co obxectivo de garantir a seguridade e o disfrute tanto do público como das persoas participantes.

A pesar deste cambio, o programa manterase intacto. O desfile partirá, como estaba previsto, ás 11.00 horas desde a Rotonda da Feira para percorrer as rúas Xulio Sesto e Ramón Franco ata o cruce coa Lomba. Preto de 1.100 persoas xa teñen lista a súa participación neste evento que cada ano converte as rúas rosalinas nun estourido de cor, música e creatividade.

O espírito do Entroido seguirá presente con toda a súa forza, mesturando tradición e innovación nunha xornada que promete ser inesquecible. Nesta edición, o concurso de disfraces contará con 11 carrozas, dúas propostas na categoría de entroido tradicional, tres grupos e nove participantes na modalidade individual. Dentro destas últimas, sete competirán en xuvenil e adultos e dúas en infantil, o que evidencia a ampla resposta da veciñanza e a vitalidade desta festa popular.

O xurado terá que avaliar a orixinalidade das vestimentas, o detalle dos complementos e a posta en escena das comparsas e carrozas, nun certame que repartirá máis de 3.600 euros en premios entre as diferentes modalidades. Ademais do incentivo económico, o desfile é un símbolo da unión entre barrios e xeracións, onde colaboración e fantasía convértense en protagonistas dun dos eventos máis multitudinarios do municipio.

Desde o Concello do Rosal recoñécese que a decisión non foi doada, mais aseguran que a prioridade é preservar a seguridade de todas as persoas participantes e garantir o bo desenvolvemento da festa. «A choiva non poderá coa ilusión nin coa alegría do noso Entroido, só oblíga a mudar de día», apuntan dende o equipo organizador, que agradece a comprensión da veciñanza e invita a todos a reservar a nova data.

O 1 de marzo o Rosal volverá vestirse de festa co mesmo entusiasmo previsto para a pasada fin de semana. Porque, malia o atraso de dúas semanas, o Entroido rosalino seguirá a ser sinónimo de participación, tradición e diversión compartida, reafirmando o seu lugar como unha das celebracións máis emblemáticas do calendario festivo da comarca.

Tracking Pixel Contents