Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Meco

O Entroido de Redondela prende lume ao neofascismo

Centos de persoas participaron na queima dun Meco con forma de Donald Trump

Meco de Redondela, ardendo.   | // D.P.

Meco de Redondela, ardendo. | // D.P.

[Redondela]

O Entroido de Redondela, fiel á súa tradiión satíricca, converteuse nun clamor popular contra o autoritarismo e o desprezo polos dereitos humanos. Ao berro de «Lume aos muros, lume ás deportacións, aos bulos e á manipulación», a vila queimou o seu Meco, encarnado este ano na figura de Donald Trump. A praza e as rúas do centro enchéronse de veciñanza e visitantes para asistir á cerimonia, que mesturou o humor e a crítica política nun acto de espíritu colectivo.

O pregón, pronunciado polo actor redondelán Tatán, arrancou co son dunha alarma nuclear, símbolo da tensión e o medo globais. «Non é unha película, non é ficción», advertiu o pregoeiro, lembrando que a ameaza nuclear persiste mentres o mundo estea gobernado por homes «con demasiado ego, demasiado odio, demasiado medo». O Meco, convertido nunha parodia do exmandatario estadounidense, foi acusado de «aplaudir a Israel sen mirar ás vítimas, mirar a Rusia con admiración, coquetear con Corea do Norte e humillar aos pobos con aranceis de sumisión».

No seu discurso condenatorio, tamén se recordou o episodio no que Trump quixo comprar Groenlandia, un xesto que, segundo o texto lido antes da queima, «resume a súa visión do planeta como un simple negocio, onde mesmo a dignidade e a nación teñen prezo». Co lume simbólico da fogueira, Redondela queimou moito máis ca unha caricatura: «o supremacismo, a violencia, o machismo e a impunidade, os que atacan a democracia mentres berran «patria» e sementan desigualdade».

A festa continuou entre fume, luces e música. Os fogos de artificio e as proxeccións do espectáculo Hexagonum, da compañía Troula Animación, envolveron a Alameda Castelao nunha atmosfera fantástica, onde marionetas xigantes acompañaron o lume purificador do Entroido. O concerto da Mekánica Rolling Band puxo o punto final á celebración cunha explosión de ritmo e enerxía, combinando sons populares con punk brass e facendo bailar a todo o público.

Tracking Pixel Contents