Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Infancias

Gondomar renova a súa colaboración con Aldeas Infantís SOS

O acordo permitirá reforzar o programa de acompañamento a cativada e familias en situación de vulnerabilidade

Sinatura do convenio entre o Concello e Aldeas Infantís.   | // D.P.

Sinatura do convenio entre o Concello e Aldeas Infantís. | // D.P.

[Gondomar]

O Concello de Gondomar asinou un convenio de colaboración con Aldeas Infantís SOS Galicia, co obxectivo de garantir a continuidade do programa de apoio á infancia e ás familias que atravesan situacións de vulnerabilidade. O acordo, rubricado polo alcalde Paco Ferreira, permitirá reforzar unha iniciativa que leva anos desenvolvéndose de forma estable no municipio e que obtivo resultados moi positivos.

En 2025, o programa atendeu un total de 19 nenos e nenas de entre 6 e 17 anos pertencentes a 15 familias, a través dunha intervención socioeducativa e psicolóxica coordinada cos Servizos Sociais municipais. As actuacións centraronse en cubrir necesidades detectadas tanto nos menores como nas súas familias: dificultades escolares, carencias emocionais e persoais, limitacións no acceso ao lecer educativo ou a necesidade de reforzar as competencias parentais.

Ao longo do ano celebráronse 155 sesións de apoio escolar, 72 centradas en competencias esenciais, 28 actividades de lecer e 15 encontros específicos para mozos e mozas en tránsito á vida adulta.

Houbo tamén talleres de educación emocional, igualdade, prevención de condutas de risco, cociña saudable e educación afectivo-sexual, ademais de propostas deportivas e accións de sensibilización ambiental, recollida de residuos e colaboración coa protectora de animais local.

Paralelamente, o traballo con familias tivo un peso central: organizáronse 79 sesións de terapia psicolóxica, obradoiros de parentalidade positiva e espazos de encontro con actividades conxuntas.

Segundo destacou o alcalde Paco Ferreira, «investir na infancia e na prevención é fundamental para garantir o benestar presente e futuro dos nenos e nenas de Gondomar».

Tracking Pixel Contents