Música e memoria
Un entroido diferente en Salceda

Festa de Entroido de AFAGA. | // D.P.
A pasada fin de semana Salceda de Caselas converteuse nun epicentro de festa, arte e compromiso social. A Banda Cultural de Salceda encheu o auditorio municipal cun concerto de Entroido que fixo vibrar ao público baixo o título «Unha viaxe musical do pop ao folk», mentres que o Concello de Salceda e AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia) celebraban unha xornada de convivencia e alegría no Lar da Memoria María Teresa Miras Portugal. Dúas actividades diferentes, pero cun mesmo fío: fortalecer a comunidade a través da música, a memoria e o cariño compartido en datas de festa.

Concerto de Entroido da Banda Cultural. / D.P.
Fío musical inesquecible
O concerto da Banda Cultural de Salceda ofreceu unha viaxe sonora a través de décadas de música recoñecible. A primeira parte transportou ao público por temas icónicos do pop internacional, con arranxos para banda de pezas de Michael Jackson, Tina Turner, Bryan Adams e ABBA, entre outros. O ambiente festivo encheu o auditorio, cun público que non deixou de seguir o ritmo e aplaudir con entusiasmo cada interpretación.
Un dos momentos máis destacados chegou coa interpretación da obra Parafernalia Popular, do compositor Marco Freire, na que soou o coñecido tema galego «A saia da Carolina». Esta transición creou unha ponte perfecta cara á segunda parte do concerto, dedicada á música folk galega, cunha posta en escena chea de forza, ritmo e sentimento.
A segunda metade do concerto contou coa presenza especial do grupo Donicelas, unha das formacións referencia do folk galego contemporáneo. Os arranxos para banda foron elaborados por Andrés Álvarez, resultando nunha fusión de sonoridades que puxo en valor a riqueza da música tradicional de Galicia a través dunha instrumentación moderna e potente. Donicelas e a Banda Cultural demostraron un entendemento artístico admirable, levando ao público nunha viaxe dende as melodías populares ata o son máis contemporáneo.
Esta colaboración musical serviu como antesala dun novo proxecto: ambos grupos volverán compartir escenario no vindeiro Festival da Luz, onde se prevé un concerto «memorábel» que seguirá reivindicando os instrumentos tradicionais e o talento galego.
A Banda Cultural e Donicelas coinciden en que estas iniciativas son unha forma de visibilizar a tradición desde a creación contemporánea, ofrecendo ao público experiencias musicais que conectan xeracións. «É un orgullo poder mostrar o noso patrimonio musical con enerxía nova e dende Salceda», sinalaron os organizadores ao remate do concerto.
Memoria e comunidade
Mentres a música enchía o auditorio, noutra parte da vila o Lar da Memoria María Teresa Miras Portugal acollía unha xornada moi esperada polas usuarias e usuarios dos programas de AFAGA. Co apoio do Concello, celebrouse un Entroido Senior marcado pola alegría, a retranca e o humor, pero tamén pola importancia da saúde mental e emocional das persoas maiores.
A actividade contou cunha sesión de musicoterapia, na que os ritmos e melodías se converteron en ferramenta de benestar. O encontro completouse cunha merenda de chocolate e repostería típica do Entroido, creando un espazo perfecto para compartir lembranzas, risas e conversa. «Trátase de facer comunidade, de sentirnos acompañados e activos», explican desde AFAGA.
O Lar da Memoria, xestionado conxuntamente polo Concello e AFAGA, segue ampliando os seus servizos e participantes. Actualmente 79 persoas usuarias, cunha media de 79 anos de idade, acoden de maneira regular ás súas instalacións. A cifra reflicte o crecemento continuo e a confianza das familias neste recurso esencial para o municipio.
Os programas inclúen tres eixos fundamentais de traballo; o programa «Cultiva a Mente», no que 35 persoas participan en actividades de prevención cognitiva; o programa «Coida o Corpo», con máis de 30 usuarios centrados en exercicio físico adaptado, e os obradoiros de estimulación cognitiva, nos que 14 persoas melloran as súas capacidades a través de dinámicas personalizadas.
Ademais no último ano 13 usuarias recibiron atención social, 18 apoio psicolóxico e 3 asesoramento xurídico, unha cobertura integral que permite mellorar a calidade de vida e a conciliación familiar.
AFAGA desenvolve en Salceda diferentes programas para abordar tanto a prevención como a atención de persoas con demencias neurodexenerativas. O programa NeuroActiva, por exemplo, combina estimulación cognitivo-funcional con actividades adaptadas para fases iniciais da enfermidade, fomentando a autonomía das persoas afectadas.
A entidade tamén presta apoio ás familias, a través de orientación psicolóxica e xurídica, acompañamento emocional e asesoramento sobre recursos e coidados.
O Entroido de Salceda de Caselas, nesta edición, amosou que a festa pode ser tamén un espazo para a cultura, a saúde e a solidariedade. Desde a música da Banda Cultural ata a musicoterapia do Lar da Memoria, a vila conseguiu unir xeracións e sensibilidades distintas baixo o desexo participación e identidade compartida.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas