Gala do deporte
Doce premios para celebrar o mellor do deporte Tomiñés
Uxía Rodríguez e Pablo Durán, mellores deportistas absolutos na IX Gala do Deporte de Tomiño

Persoas e colectivos premiados na IX gala do deporte de Tomiño. | // D.P.
A IX Gala do Deporte de Tomiño reuniu un ano máis á gran familia deportiva local nun evento marcado pola emoción, a convivencia e o orgullo compartido. O auditorio municipal converteuse nun espazo de encontro para deportistas, clubs, entidades e veciñanza, nunha noite dedicada a recoñecer o traballo, o esforzo e o espírito de superación que fan do deporte tomiñés un exemplo de vitalidade e compromiso.
A alcaldesa, Sandra González, salientou na súa intervención que «a Gala do Deporte é unha oportunidade para recoñecer publicamente o esforzo silencioso de moitas persoas que fan medrar o deporte cada día, desde as bases ata o alto rendemento». Engadiu tamén que o deporte «é un elemento clave para construír comunidade, cohesión social e saúde colectiva».
A gala, conducida polo xornalista deportivo Terio Carrera, contou coa actuación musical de Terapia de Grupo e coa presenza dun convidado de luxo, o triatleta Iván Raña, que compartiu a súa experiencia e ánimo cos asistentes. O concelleiro de Deportes, Rubén García, destacou que o evento «resume un ano enteiro de ilusión e traballo, demostrando que o deporte tomiñés está vivo, medra e segue avanzando con forza».
Entre os galardóns entregados, Protección Civil de Tomiño recibiu o recoñecemento como institución colaboradora co deporte, polo seu compromiso coa seguridade nas probas locais. A II San Silvestre Tomiñesa foi elixida mellor evento deportivo do ano, mentres que o Club de Patinaxe Royal Tomiño e o recén creado Pickleball Tomiño foron distinguidos polo seu labor de fomento do deporte.
O premio á inclusión recaeu no equipo de tiro con arco Arco Trasno, e houbo mencións especiais para o Tomiño Femenino, pola súa brillante tempada; para Miro Gómez, en representación do fútbol afeccionado; e para a copilota de rally Melisa Lorenzo, que destacou en 2025 polos seus éxitos en competición.
O recoñecemento a mellor adestrador foi para Daniel Costa, mentres que o Club Deportivo Miño Teixugos foi premiado como mellor club base. No apartado de talento emerxente, os galardóns de promesa recaeron en Lois Montenegro, na categoría masculina, e en Nerea Álvarez, na feminina.
Como colofón, o futbolista do Real Club Celta Pablo Durán foi elixido mellor deportista absoluto masculino, e Uxía Rodríguez, que repite galardón, mellor deportista absoluta feminina.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas