Natalidade
Covelo deu a benvida aos sete bebés nados na vila en 2025
O acto celebrouse nun ambiente familiar para recoñecer ás novas familias

Recepción no Concello de Covelo dos bebés nados en 2025. | // D.P.
O Concello de Covelo acolleu un emotivo acto no que o alcalde, Juan Pablo Castillo Amigo, deu a benvida oficial aos sete bebés nados no municipio durante o ano 2025.
A xornada, celebrada nas dependencias municipais, converteuse nun encontro cheo de tenrura e alegría, no que participaron as familias dos habitantes recén chegados e nos que se quixo poñer en valor a importancia de criar e medrar no rural.
Durante o evento, cada familia recibiu un detalle especial por parte do Concello: unha cesta con produtos para o coidado dos bebés e unha camiseta personalizada de benvida, elaborada como símbolo de agarimo e apoio institucional. Estes agasallos, explicaron desde a Alcaldía, teñen un significado que vai máis alá do material, pois representan o compromiso do goberno local por acompañar ás familias nos primeiros meses de vida das súas fillas e fillos, unha etapa chea de emocións, aprendizaxe e tamén de novos desafíos.
O alcalde subliñou que este tipo de iniciativas forman parte da filosofía de proximidade e apoio que caracteriza a acción municipal: «Queremos que cada crianza sinta que Covelo é o seu fogar desde o primeiro día, e que as súas familias saiban que contan co Concello», afirmou Castillo Amigo.
Neste sentido, o rexedor lembrou que o Concello de Covelo mantén activa unha liña de axudas á natalidade, incluída no orzamento municipal, e destinada ás nais e pais con fillas ou fillos nados ou adoptados no municipio; unha medida que busca contribuír aos primeiros gastos asociados á crianza e que tamén pretende favorecer a repoboación e sostibilidade demográfica das aldeas e parroquias de Covelo.
Ademais, o Concello dispón doutras liñas de apoio ás familias, entre as que destaca a axuda para libros de texto e material escolar destinada ao alumnado de Educación Infantil do CEIP Antonio Blanco. Esta subvención, cun importe de ata 100 euros por alumno ou alumna, pode ampliarse a 125 euros no caso de familias numerosas ou con algún membro con discapacidade.
«Cada pequeno apoio conta, sobre todo cando se trata de facilitar a conciliación e garantir a igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas», engadiu o alcalde, quen destacou que estas medidas son un paso máis na estratexia municipal de facer de Covelo un concello dinámico, acolledor e comprometido coa infancia.
O acto de benvida rematou coa tradicional foto de familia, na que os sete bebés, acompañados das súas nais e pais, protagonizaron un dos momentos máis emocionantes da xornada.
As risas, os abrazos e a complicidade entre veciños foron o mellor reflexo dunha comunidade que quere seguir medrando xunta.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas