Fútbol
A Costa e A Coruña triunfan en Mos
O Campionato Galego de Seleccións Comarcais Femininas reuniu máis de 300 xogadoras nunha xornada de convivencia e deporte base

O equipo da Coruña celebra a vitoria. | //D.P.
D.P
O Concello de Mos converteuse no epicentro do fútbol feminino galego coa celebración do Campionato Galego de Seleccións Comarcais Femininas, unha cita de referencia que reuniu máis de 300 futbolistas procedentes de toda Galicia.

Equipo da Costa. / .
A competición desenvolveuse nas categorías Sub-13 (Fútbol 11) e Sub-12 (Fútbol 7), cos partidos disputados de maneira simultánea nos campos de As Baloutas e Cototorrón desde primeira hora da mañá ata as finais da tarde. A organización correu a cargo da Real Federación Galega de Fútbol, en colaboración co Concello de Mos, e serviu tamén como fase de observación de novas promesas para as futuras seleccións autonómicas.
Na categoría Sub-12, A Coruña proclamouse campioa tras vencer na final a Vigo por un axustado 1-0, nunha loita igualada na que as coruñesas demostraron gran solvencia e espírito competitivo. Pola súa banda, na categoría Sub-13, a emoción estivo ata o último momento: o combinado da Costa impúxose á selección da Coruña na tanda de penaltis despois dun empate a un gol no tempo regulamentario. A final, moi disputada, reflectiu o alto nivel e a proxección do fútbol feminino galego de base.
Ademais do espectáculo deportivo, o campionato destacou polo ambiente de compañeirismo entre xogadoras, familias e equipos técnicos, que fixeron de Mos un punto de encontro exemplar para o deporte feminino. O Concello de Mos agradeceu publicamente o esforzo da Real Federación Galega de Fútbol, dos clubs colaboradores e de todas as persoas que contribuíron ao éxito do evento, que promociona a igualdade a través da práctica deportiva.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas