Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«A Arribada é a festa que mellor explica quen somos»

«A Arribada prepárase ao longo de todo o ano: practicamente, cando remata unha edición, xa se comeza a traballar na seguinte»

Jesús Vázquez Almuíña, caracterizado para a Arribada.   | // D.P.

Jesús Vázquez Almuíña, caracterizado para a Arribada. | // D.P.

Laura Porto

[Baiona]

Falamos con Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona, da Festa da Arribada, que a próxima semana conmemorará o 533 aniversario do retorno da carabela Pinta, no que será tamén o 30 aniversario desta festividade.

- Que representa para vostede a Arribada dentro da identidade de Baiona?

A Arribada é, para min, a identidade de Baiona: a festa que mellor explica quen somos, de onde vimos e cara a onde queremos ir como vila aberta ao mar e ao mundo. É o noso gran escaparate: unha celebración capaz de reunir arredor de 200.000 persoas e de situarnos, ano tras ano, entre as citas máis recoñecidas de Galicia como Festa de Interese Turístico Internacional. Representa o orgullo de ser o primeiro porto de Europa que coñeceu a noticia do Novo Mundo, un fito histórico que nos singulariza dentro de Galicia e de todo o contexto atlántico.

- Como se mantén viva a esencia histórica da festa sen perder a conexión co presente?

Coidamos moito o rigor histórico na recreación: o relato da chegada da Pinta, os personaxes, a ambientación do casco histórico ou a programación cultural parten da documentación histórica existente sobre o 1 de marzo de 1493. Ao mesmo tempo, actualizamos a festa con novas actividades, espazos familiares, xogos tradicionais, programación pensada para público infantil e para visitantes que chegan de fóra de Galicia, mantendo así a conexión coa sociedade actual.

-Hai algún momento da festa ao que lle teña especial cariño?

Se teño que escoller un momento, quedo coa recreación histórica da chegada da Pinta, coa ría chea de xente mirando ao mar e ese silencio expectante antes de que se anuncie a nova do descubrimento. É un instante no que se mestura emoción, memoria colectiva e orgullo de ver como unha pasaxe da nosa historia cobra vida diante de miles de persoas.

- Canto tempo leva preparar unha edición da Arribada e cantas persoas están implicadas na organización?

A Arribada prepárase ao longo de todo o ano: practicamente, cando remata unha edición, xa se comeza a traballar na seguinte. Na organización están implicados diferentes departamentos municipais, forzas e corpos de seguridade, servizos de emerxencias, Protección Civil, sector turístico e comercial, asociacións veciñais e culturais, así como moitas persoas voluntarias; falamos de centos de persoas coordinadas arredor dun mesmo obxectivo.

- Que medidas se toman para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento durante a festa?

A festa conta cun Plan de Seguridade específico, validado na Xunta Local de Seguridade, no que participan Garda Civil, Policía Local de Baiona e doutras vilas, Tráfico, Garda Civil do Mar, Axega, Protección Civil e servizos sanitarios. Refórzanse os dispositivos de vixilancia con cámaras, presenza de unidades uniformadas e de paisano, control de accesos ao Val Miñor, puntos sanitarios e un posto de mando avanzado no porto pesqueiro, que permite coordinar en tempo real calquera incidencia. Ademais, establécense medidas de ordenación do tráfico, lanzadeiras de transporte público e reforzos no transporte colectivo para reducir o uso do vehículo privado e mellorar a seguridade viaria.

- A meteoroloxía adversa deste ano foi un reto para a organización?

Nun evento ao aire libre e cunha asistencia masiva, a meteoroloxía sempre é un factor determinante e, cando é adversa, obríganos a activar plans alternativos, axustar horarios e reforzar a coordinación de protección civil e limpeza. A experiencia de tantos anos e a profesionalidade dos equipos permiten que, mesmo con mal tempo, a festa se desenvolva con normalidade e cun alto grao de satisfacción por parte de visitantes e expositores.

- Que importancia ten a Arribada para o turismo e a economía local?

A Arribada é o gran inicio da tempada turística en Baiona: marca o arranque dun calendario no que o turismo cultural, deportivo e de natureza mantén viva a economía local máis alá dos meses de verán. O impacto económico é moi elevado: a chegada de arredor de 200.000 visitantes en 2024 tradúcese en ocupación hoteleira, restauración, comercio e servizos, con efecto arrastre sobre toda a comarca do Val Miñor. Ademais da dimensión directa, a súa repercusión mediática e a presenza en feiras como Fitur consolidan a imaxe de Baiona como destino estratéxico nas Rías Baixas.

- Notáronse cambios no número de visitantes ou no perfil do público nestes últimos anos?

Nos últimos anos mantense unha tendencia á alza, con cifras récord de asistencia e un contexto xeral de turismo en Galicia que tamén está a vivir máximos históricos de visitantes e pernoitas. Notamos un público cada vez máis diverso, con máis presenza internacional e sobre todo de familias que buscan experiencias culturais de calidade, así como dun perfil que combina a visita á festa con rutas polo casco histórico, o Camiño Portugués da Costa ou actividades deportivas.

- Que medidas se están a tomar para facer unha festa máis sostible e respectuosa co medio ambiente?

Baiona leva anos traballando como destino atlántico sostible, recoñecido con selos como o Quality Coast Gold Award e cunha aposta clara pola protección do litoral, praias con bandeira azul e iniciativas como as praias sen fume. Esta mesma filosofía trasládase á Arribada: promoción do transporte público, ordenación de accesos, implicación do comercio local, sensibilización ambiental e mellora continua na xestión de residuos, limpeza e eficiencia dos servizos municipais durante a festa. O obxectivo é que o crecemento da festa non vaia en contra da calidade de vida da veciñanza nin da preservación do noso entorno natural.

- Como ve o futuro da Arribada nos próximos dez anos?

O reto é seguir medrando en calidade máis que en cantidade: mellor organización, máis innovación na programación cultural, máis implicación do tecido local e novas ferramentas dixitais para informar e ordenar fluxos de visitantes. Se somos capaces de protexer a esencia histórica e, á vez, adaptarnos aos novos tempos, a Arribada seguirá sendo dentro de dez anos o gran símbolo de Baiona e unha historia viva que queremos compartir co mundo. Queremos seguir potenciando nos baioneses de nacemento e de corazón, o orgullo de ser parte fundamental da Festa.

Tracking Pixel Contents