Foliada
Toutón celebra un ano máis o seu «Serán dos Namorados»
A parroquia vivirá unha xornada marcada por a tradición popular, a música e a convivencia

Xantar popular na edición do ano 2025. | // D.P.
O vindeiro 14 de febreiro de 2026, coincidindo co Día dos Namorados, a parroquia de Toutón converterase no epicentro da cultura tradicional coa celebración do XXX Serán dos Namorados, alcumado pola organización como «o serán máis grande do mundo».

Actuación das pandeireteiras de Toutón no ano pasado. | // D.P.
A cita, xa un clásico da comarca, presenta este ano un programa amplo e diverso que se estenderá desde a mañá ata ben entrada a madrugada, cunha combinación de actos relixiosos, gastronómicos e musicais pensados para todos os públicos.
Mañá
A xornada comezará ás 11.00 horas cunha misa aplicada polas pandeireteiras falecidas, que será oficiada polo bispo Antonio José Valín Valdés. Este acto procura render homenaxe ás mulleres que mantiveron viva a tradición no territorio, e que este ano xa non poderán disfrutar do serán.
Ás 12.00 horas terá lugar un acto institucional de recoñecemento ás pandeireteiras e tamén ás persoas colaboradoras que, ao longo dos anos, fixeron posible a continuidade do Serán dos Namorados en Toutón.
Tras os actos da mañá, a festa continuará ás 14.00 horas cun xantar popular a cargo de Catering O Castelo. O menú incluirá sopa, carne ao caldeiro, sobremesa, bebida e café, cun prezo de 25 euros por persoa. As persoas interesadas en asistir deberán confirmar a súa presenza previamente chamando ao teléfono 646 256 941, segundo informou a organización.
Tarde
Pola tarde, ás 16.30 horas, celebrarase a tradicional «corrida do ghalo», unha das actividades máis singulares da xornada. O percorrido desenvolverase pola parroquia, acompañado pola música dos gaiteiros Os Folieiros, que animarán o ambiente e convidarán á participación veciñal e visitante.
Xa á noite, ás 20.00 horas, subirán ao escenario as pandeireteiras As Lagharteiras, que ofrecerán unha actuación cargada de ritmo, tradición e complicidade co público.
Ás 22.00 horas dará comezo oficialmente o serán, o momento máis esperado da festa, cun espazo aberto á participación de grupos e persoas afeccionadas á música tradicional. As inscricións poderán realizarse directamente no mesmo torreiro, favorecendo así a espontaneidade e o espírito aberto que caracteriza este encontro.
A partir da medianoite, a organización ofrecerá petiscos de balde para todas as persoas asistentes, así como unha chocolatada pensada para combater o frío e prolongar a celebración ata altas horas. O recinto contará cunha carpa cuberta e un amplo aparcadoiro, garantindo comodidade e seguridade para o público.
Desde a organización destacan que o Serán dos Namorados de Toutón non é só unha festa, senón un espazo de encontro interxeracional no que se celebra o amor pola música, pola tradición e pola comunidade. Unha cita imprescindible para quen queira vivir, en primeira persoa, unha das expresións máis auténticas da cultura popular galega.
A organización anima a participar activamente nos distintos actos deste 30 aniversario do serán, lembrando que o seu éxito reside na implicación colectiva e no respecto pola tradición herdada das xeracións anteriores.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas