Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Palestras

Pantallas baixo lupa na XI Semana da Educación de Tomiño

A pedagoga María Couso abrirá o luns o ciclo de conferencias

[Tomiño]

Sabemos realmente que impacto teñen as pantallas desenvolvemento cerebral? Con esta pregunta como punto de partida, Tomiño abre a súa XI Semana da Educación, unha cita que converterá de novo o municipio nun referente do debate educativo. O ciclo de conferencias, de entrada libre, centrará esta edición no benestar emocional e na saúde mental da infancia e da adolescencia.

A primeira cita será o luns 9 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio de Goián, cunha palestra da pedagoga e divulgadora María Couso, unha das voces máis recoñecidas en España pola súa labor sobre o valor educativo dos xogos de mesa. Baixo o título Impacto da tecnoloxía no desenvolvemento cognitivo da infancia e da adolescencia, Couso abordará, con base científica e criterio pedagóxico, como inflúe o uso temperán e continuado das pantallas no cerebro infantil.

A experta é autora do libro Cerebro, infancia e xogo, con máis de 15.000 exemplares vendidos, e dirixe os proxectos «Cerebro e xogo» e «Cerebro e pantallas», centrados na reflexión crítica sobre a tecnoloxía e na promoción de alternativas baseadas no xogo.

A alcaldesa, Sandra González, destacou que a Semana da Educación «é un espazo para pensar conxuntamente sobre os retos reais das familias e dos centros educativos» e subliñou a importancia de ofrecer información «rigorosa e útil, que axude a tomar decisións conscientes». O programa inclúe catro conferencias con profesionais de prestixio que analizarán como coidar a saúde emocional das novas xeracións nun mundo dixital en constante cambio.

Tracking Pixel Contents