Novidades
O Entroido volve a Nigrán con cine, baile, bingo e máis premios
A programación festiva irá desde hoxe ata o 28 de febreiro

Comparsas de Nigrán en 2025. // D.P.
O Entroido 2026 chega a Nigrán con novidades destacadas tanto na oferta de actividades como no incremento dun 30% na contía dos premios do tradicional concurso de comparsas. O goberno municipal, encabezado por Juan González, aposta así por «un Entroido máis participativo, diverso e para todos os públicos», no que á música, o humor e o espírito festivo se suman tamén o cine, o bingo social, o baile e propostas pensadas para a veciñanza de todas as idades.

Enterro do kiko nunha pasada edición. / .
Programación
A programación arranca hoxe, 7 de febreiro, co inicio das sesións de cine familiar nos Cines Municipais da Ramallosa, unha incorporación recente que enriquece o programa grazas á recuperación deste emblemático espazo cultural. A primeira proxección será a coñecida película La máscara, ás 18:00 horas, e continuará o xoves 12 ás 19:00 horas con +Cuñados, unha comedia galega de grande éxito, para rematar o sábado 21 coa película de animación Río, pensada para público infantil. En todos os casos, a entrada é gratuíta previa retirada de invitación a partir das 17:00 horas na taquilla do cine ata completar a cabida.
«O Cine Municipal da Ramallosa convértese nun dos grandes atractivos deste Entroido, ofrecendo actividades complementarias ao desfile e favorecendo espazos de lecer accesibles para todas as familias», explicou o alcalde.
Entre o 14 e o 22 de febreiro sucederanse o resto das actividades, que combinan tradición e participación veciñal. O sábado 14 terá lugar o baile de Entroido, unha cita imprescindible para os amantes da música e o disfraz; o domingo 15 celebrarase o esperadísimo bingo social, pensado especialmente para as persoas maiores do municipio; o martes 17 está previsto o Entroido infantil, con xogos e animacións para os máis pequenos; e o domingo 22 regresará a tradicional excursión á Festa do Lacón en Cuntis, para a cal é necesaria inscrición previa.
Concurso de comparsas
O gran desfile de comparsas, auténtico emblema do Entroido nigranés, celebrarase o venres 20 de febreiro ás 21:00 horas, mantendo o percorrido habitual pola rúa Rosalía de Castro (desde o cruce coa rúa Telleira ata a estrada do Ceán). Cada agrupación realizará a súa actuación diante da Casa do Concello, escenario da entrega de premios ao rematar a última comparsa.
Nesta edición de 2026, o Concello decidiu incrementar nun 30% o total dos premios, que pasan dos 4.150 euros habituais a 6.000 euros, repartidos en 20 galardóns. O primeiro premio ascende a 900 euros, o segundo a 700, o terceiro a 600, mentres os seguintes descenden progresivamente ata os 200 euros do posto vixésimo. Ademais, as comparsas que representen asociacións culturais, deportivas ou veciñais do municipio contarán cunha dotación adicional de 300 euros, ata un máximo de cinco entidades, por orde de inscrición.
«As comparsas son o corazón do noso Entroido, unha mostra da creatividade e entusiasmo da veciñanza de Nigrán. Por iso, este aumento na contía dos premios é tamén un recoñecemento ao seu esforzo e á súa capacidade para manter viva a nosa festa máis colorida», destacou González.
As bases do concurso, dispoñibles na sede electrónica municipal e na Oficina de Atención ao Cidadán, establecen que cada agrupación deberá contar con máis de vinte integrantes, entre os cales polo menos dez deberán ser adultos. Valorarase a orixinalidade, o vestiario, a música, a coreografía e o número de participantes. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o xoves 12 de febreiro, mentres o sorteo público da orde de saída celebrarase o luns 16. Se as condicións meteorolóxicas o impiden, o desfile trasladaríase a unha nova data que se comunicará oportunamente, abríndose novo prazo de inscrición.
Como é costume, o Entroido pecharase o sábado 28 de febreiro coa celebración do Enterro do Kiko de Parada, un evento que mestura humor, irreverencia e tradición e que serve de despedida simbólica antes da chegada da Coresma. Veciñanza e visitantes acompañarán a comitiva fúnebre, disfrazados con roupa de loito e moita retranca, nunha cita que se converteu nun dos momentos máis singulares do calendario festivo local.
Os formularios de inscrición poden consultarse na web municipal www.nigran.es.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas