Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Desfile

O Concurso-Desfile de Entroido de Tui estrea novo percorrido

O novo itinerario partirá do Espazo Feiral de Tui para rematar no aparcadoiro municipal

Desfile de Entroido do ano 2025 en Tui.   | // D.P.

Desfile de Entroido do ano 2025 en Tui. | // D.P.

[Tui]

O Concurso-Desfile de Entroido de Tui xa ten data, bases e novidades confirmadas. A principal é o cambio no percorrido do desfile, que se celebrará o martes 17 de febreiro ás 17.00 horas e que busca mellorar tanto a organización como a experiencia de participantes e público.

As bases reguladoras e a convocatoria oficial foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

O novo itinerario do desfile partirá do Espazo Feiral de Tui e continuará polas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e polo primeiro tramo da rúa Compostela, para rematar no aparcadoiro municipal, onde se realizará a disolución das comparsas.

O acceso e a concentración dos grupos participantes establecerase entre as 15.00 e as 16.30 horas, coa entrada habilitada a través da Avenida da Concordia e do Camiño Ricamonde, co obxectivo de garantir unha incorporación ordenada ao percorrido.

O desfile contará con dúas modalidades de participación. Por unha banda, as comparsas, formadas por máis de 35 persoas, e por outra, os Grupos, integrados por entre 15 e 34 participantes. En total, poderán participar ata 12 comparsas e 3 grupos, que competirán conxuntamente nas distintas categorías de premios establecidas pola organización.

Tal e como recollen as bases, as comparsas que teñan o seu domicilio social en Tui contaron con prioridade na inscrición.

Orde de saída

A orde de saída das diferentes comparsas e grupos determinarase mediante un sorteo público, que terá lugar o próximo luns 9 de febreiro ás 20.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Tui, acto ao que poderán asistir as persoas representantes das agrupacións participantes.

Premios

No apartado económico, o Concurso-Desfile de Entroido repartirá un total de 5.550 euros en premios, aos que se suman cantidades fixas por participación. Estas achegas poden acadar ata os 750 euros no caso das comparsas que participen con carroza, recoñecendo así o esforzo organizativo e creativo destas formacións.

Enterro do bacallau

Desde o Concello de Tui lémbrase tamén que a participación no desfile implica a asistencia obrigatoria ao tradicional Enterro do Bacallau, previsto para o domingo 22 de febreiro.

Neste acto simbólico, que pon o peche á programación do Entroido, os gañadores das distintas categorías terán un papel protagonista.

As bases completas do concurso poden consultarse tanto na páxina web municipal, www.tui.gal, como na sede electrónica do Concello.

Tracking Pixel Contents