Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vida activa

O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65

As actividades buscan fomentar hábitos saudables e fortalecer as relacións sociais entre a veciñanza

Inauguración das actividades no Pavillón Municipal. | // D.P.

Inauguración das actividades no Pavillón Municipal. | // D.P.

[Gondomar]

O Concello de Gondomar vén de poñer en marcha unha nova edición dos cursos municipais dirixidos a persoas maiores de 65 anos, unha iniciativa que conta este ano con máis de 300 participantes e que ten como obxectivo promover unha vida activa, sa e socialmente enriquecedora.

O alcalde, Paco Ferreira, acompañado da concelleira de Benestar, Nuria Lameiro, inaugurou esta semana as actividades, destacando «o compromiso do goberno local coa saúde e a calidade de vida da nosa veciñanza sénior».

Entre as propostas máis demandadas está a ximnasia de mantemento, na que participan 139 persoas. As sesións, desenvolvidas no Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, están adaptadas ás capacidades e necesidades de cada participante e inclúen exercicios para mellorar a flexibilidade, o equilibrio e a coordinación. O programa, ademais de reforzar a condición física, axuda a incrementar o benestar emocional e a prevención de problemas asociados ao sedentarismo.

O Concello tamén promove un grupo aberto de ximnasia para persoas de todas as idades, con 25 participantes, que comparte obxectivos de saúde e actividade física nun ambiente comunitario e participativo.

Outro dos piares do programa é o obradoiro de memoria «Cultiva a mente», que reúne 106 persoas nas parroquias de Gondomar, Donas, Vincios, Morgadáns e Mañufe. A través de dinámicas de grupo e exercicios prácticos, trabállanse aspectos como a memoria, a atención e o razoamento, co propósito de manter as capacidades cognitivas e favorecer a autonomía persoal.

Completando a oferta, un grupo de marcha nórdica, formado por 30 participantes, percorre as distintas parroquias do municipio. Esta práctica mellora a postura corporal, a coordinación e o ton muscular, mentres promove o contacto coa natureza e a convivencia.

«Buscamos que todos se sintan activos, motivados e acompañados cada día», concluíu o rexedor.

Tracking Pixel Contents