Festas
Mos celebrará un Entroido de participación e conciliación
Haberá desfile, concertos, actividades infantís e un campamento de conciliación

Sobre estas liñas, membros da corporación municipal disfrazados en 2025. Á dereita, comparsa mosense en 2025 | // D.P.
O Concello de Mos xa ten todo listo para o Entroido 2026, unha das festas máis emblemáticas e participativas do municipio, que esta edición volve cunha programación chea de cor, música, humor e imaxinación. A cita principal será o tradicional desfile e concurso de comparsas, que se celebrará o domingo 15 de febreiro a partir das 17.00 horas na Avenida de Sanguiñeda.

Mos celebrará un Entroido de participación e conciliación
A concentración das comparsas está prevista para as 16.30 horas, momento no que comezará a ambientación previa dun percorrido que, segundo destacan desde a organización, busca encher as rúas de alegría e recuperar o auténtico espírito do Entroido tradicional. Nesta edición, o Concello ofrece unha posta en escena renovada, cun cartel inspirado na estética da popular serie Stranger Things, unha elección que pretende conectar coa linguaxe das xeracións máis novas.
O goberno municipal, a través da súa área de Cultura, destina unha partida máxima de 12.000 euros para premios e compensacións económicas dirixidas ás comparsas e grupos participantes.
As bases establecen dúas grandes categorías: grupos de entre 20 e 30 compoñentes, e comparsas, que á súa vez se dividen en infantís (ata 12 anos) e de adultos (a partir de 13 anos). Para determinar a categoría teráse en conta a idade maioritaria dos seus membros. As comparsas con domicilio social en Mos contan con prioridade de inscrición.
O concurso contará cun xurado especializado composto por profesionais dos ámbitos do espectáculo, o deseño, a moda, o baile, a animación e a caracterización.
O tribunal valorará aspectos como a orixinalidade das propostas, a calidade artística, a creatividade, as coreografías, o vestiario e o impacto visual. Ademais das compensacións pola participación segundo o tamaño dos grupos, entregaranse premios especiais á mellor comparsa infantil e á mellor comparsa de adultos, así como mencións honoríficas á mellor carroza, ao mellor vestiario e á mellor animación.
Como broche final á xornada do domingo, o grupo Pa ti na Má ofrecerá un concerto aberto ao público, achegando o seu repertorio festivo e interxeracional ao corazón da celebración.
O luns 16 de febreiro continuará a festa cunha gran xornada infantil de Entroido no Pavillón Óscar Pereiro, entre as 17.00 e as 20.00 horas. Os máis pequenos poderán desfrutar dunha tarde pensada para eles, con inchables, pintacaras e a actuación musical de Dani Barreiro & Friends, garantindo diversión, música e bo humor para toda a familia.
Desde a organización sublíñase que esta programación responde a unha aposta decidida pola participación cidadá e a recuperación das raíces tradicionais do Entroido en Mos, combinando innovación artística, implicación veciñal e contidos culturais de calidade.
Campamento de Entroido
En paralelo á programación festiva, o Concello, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), pon en marcha unha nova edición do Campamento de Entroido, que se desenvolverá os días 16, 17 e 18 de febreiro no Edificio Multiusos das Pozas, en Petelos. Dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos, o campamento combina diversión e aprendizaxe.
As actividades terán lugar de 9.00 a 14.30 horas, ofrecendo tamén aula madruga (de 8.00 a 9.00 h) e servizo de friameira (de 14.30 a 15.30 h) sempre que haxa un mínimo de cinco inscritos en cada opción. O custo total do campamento é de 38 euros, aos que se suman 5 euros por cada servizo adicional solicitado. A organización establece un mínimo de 15 participantes para que o campamento poida levarse a cabo.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de febreiro, tanto de maneira presencial no Rexistro do Concello como a través da sede electrónica. Terán preferencia os nenos e nenas empadroados ou escolarizados en Mos, e as prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada.
Para máis información, as familias interesadas poden contactar coa OMIX de Mos no teléfono 986 339 404 ou mediante o correo electrónico omix@concellomos.es.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas