Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

El mal de l’Amor, en Tui o 13 de febreiro

Música

Samuel Diz e Sonsoles Vicente, no Teatro Municipal de Tui.   | // D.P.

Samuel Diz e Sonsoles Vicente, no Teatro Municipal de Tui. | // D.P.

[Tui]

O Teatro Municipal de Tui converterase o vindeiro venres, 13 de febreiro, ás 21.00 horas, no epicentro da música e da memoria grazas á presentación en primicia do novo proxecto do guitarrista e investigador Samuel Diz. Acompañado polo tenor arxentino Jonatan Alvarado, o músico galego ofrecerá un concerto especial que supón o lanzamento do seu novo disco, El mal de l’Amor, un traballo gravado en Dartington Hall (Inglaterra) e dedicado á obra pouco coñecida do compositor da Xeración do 27 Gustavo Durán.

No propio teatro tivo lugar a rolda de prensa de presentación do evento, coa participación da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e de Samuel Diz, que compartiron detalles do proxecto.

A concelleira destacou que «é un día especial para nós, porque Tui é o lugar escollido para dar a coñecer El mal de l’Amor. Samuel Diz e Jonatan Alvarado son dous músicos extraordinarios e, sen dúbida, o público gozará dun espectáculo único, cargado de emoción e de beleza». Vicente subliñou ademais o valor de redescubrir a figura de Gustavo Durán, «un creador da Xeración do 27 pouco coñecido polo gran público, mais de enorme relevancia artística e histórica».

Durante a presentación, Samuel Diz amosou a súa satisfacción por regresar ao Teatro tudense, un espazo co que o une unha longa relación artística. «Volver a Tui é sempre un pracer. Este proxecto nace da emoción e da necesidade de devolverlle voz a un compositor esencial, pero esquecido», explicou. O guitarrista detallou que El mal de l’Amor é o resultado de varios anos de estudo e exploración do legado de Gustavo Durán, «un creador híbrido, diplomático, músico e observador privilexiado dun século cheo de contrastes».

O concerto propón un formato íntimo para voz e guitarra que mergulla o público nunha viaxe emocional a través das melodías e ritmos que o propio Durán recolleu durante as súas estadías en España, América Latina e Europa. Nel conviven influencias galegas, castelás, catalás, cubanas, arxentinas e andinas, tecendo unha ponte sonora entre tradición e modernidade.

«É unha proposta espida, sen artificios, na que perseguimos a verdade das cancións», explicou Diz. «A voz de Jonatan Alvarado e a sonoridade da guitarra constrúen un diálogo sincero, un espazo onde a emoción e a fraxilidade teñen cabida».

Jonatan Alvarado, recoñecido internacionalmente pola súa versatilidade e sensibilidade interpretativa, é un tenor cunha traxectoria que conecta a música antiga europea coas tradicións orais de ambos lados do Atlántico. No escenario xunto a Samuel Diz, a súa voz achegará unha nova dimensión á obra de Durán.

«Jonatan é un artista que comprende a linguaxe da emoción, da memoria e da palabra», destacou Diz. «A súa interpretación fai que estas cancións respiren, que a música de Durán recupere vida e que os sentimentos do pasado dialoguen co presente».

O proxecto tamén é o froito dunha colaboración familiar profundamente simbólica. O disco foi gravado en abril de 2025 en Dartington Hall, un lugar cargado de historia e lembranzas para Gustavo Durán, e contou coa participación das súas fillas Lucy e Jane Durán. Lucy exerceu como produtora musical, mentres que Jane, poeta e tradutora, traballou coas versións literarias dos textos das cancións. Para Samuel Diz, esta implicación confírelle ao proxecto «unha autenticidade case máxica, como se o propio Durán acompañase o proceso desde algún recuncho da memoria».

Repertorio plural

El mal de l’Amor abrangue pezas escritas en diversas linguas: castelán antigo e actual, galego, portugués, brasileiro e variantes das tradicións orais americanas. A diversidade lingüística reflicte a visión cosmopolita e humanista de Durán, un compositor que foi tamén diplomático e viaxeiro, e que concibiu a música como ponte entre pobos.

Samuel Diz destacou que a recuperación deste repertorio non é só un acto artístico, senón que «é reivindicar valores como a diversidade, o diálogo entre culturas e a liberdade de identidade, fundamentais nun tempo que precisa reencontrarse coa súa memoria».

O artista, coñecido pola súa dedicación á recuperación da música dos exilios e das xeracións esquecidas, continúa así un percorrido iniciado con proxectos dedicados a María Teresa León, Federico García Lorca e a outros creadores da Xeración do 27.

O concerto do 13 de febreiro estará acompañado pola presenza das fillas de Gustavo Durán, Lucy e Jane, que viaxarán até Tui para asistir en persoa ao evento. «Para nós é unha honra inmensa que estean aquí», asegurou Samuel Diz.

As entradas poden adquirirse a través da web municipal tui.gal a un prezo de 10 euros (entrada xeral) e 7,5 euros (reducida). Desde o Concello lembran que o aforo é limitado e recoméndase adquirir as entradas con antelación.

Tracking Pixel Contents