Programación
Catro días de «festa rachada» marcarán este ano o entroido de Redondela
Concertos, desfiles, animación e tradición para todos os públicos encherán as rúas de música e cor

Presentación do Entroido 2026 en Redondela. | // D.P.
Redondela prepárase para vivir o Entroido 2026 con catro días de intensa celebración nas rúas, cunha ampla programación que combina música, tradición, espectáculos familiares e grandes eventos festivos.
O Concello aposta un ano máis por unha proposta pensada para todos os públicos, que se desenvolverá entre os días 14 e 17 de febreiro na vila, e que se completará o sábado 21 co Entroido de Chapela. A alcaldesa, Digna Rivas, anima á cidadanía a participar nunha festa «que se vive con gran intensidade» e que «reúne a grupos de amigos e familias completas nas rúas do municipio».
Sábado
As celebracións comezarán o sábado 14 de febreiro cunha xornada dedicada especialmente á rapazada. O Entroido Infantil e Xuvenil dará o pistoletazo de saída a partir das 16.00 horas na Alameda Castelao, cunha ampla oferta de xogos e obradoiros. A actividade «Un Mar de Xogos», da compañía Bico de Toupa, manterá aos máis pequenos entretidos ata as 19.30 horas, convertendo este espazo nun punto de encontro familiar.
A música tomará as rúas desde as 18.00 horas co pasarrúas de The Turre’s Band, que percorrerá o centro da vila animando a veciñanza a sumarse á festa.
A noite do sábado trasladará o Entroido ao campo da Feira, onde a partir das 21.30 horas terá lugar un dos pratos fortes da programación: o concerto da orquestra La Fórmula. A formación estreará en Redondela o seu novo espectáculo para a tempada 2026, cunha posta en escena renovada e un repertorio pensado para facer bailar ao público.
A concelleira de Cultura, Rita Pérez, sinala que «será un gran comezo do Entroido para animar á veciñanza a gozar e bailar nestas datas tan especiais», nunha noite que contará tamén con sesión DJ.
Domingo
O domingo 15 de febreiro, Domingo de Entroido, estará marcado polo tradicional desfile de comparsas.
A concentración dos participantes terá lugar ás 17.00 horas no campo da Feira. Unha hora máis tarde, ás 18.00, sairá en pasarrúas Tío Emilio, a comparsa máis representativa do Entroido redondelán, que dará paso ao desfile polo centro da vila. As comparsas percorrerán as principais rúas nun ambiente cheo de cor, música e creatividade, para rematar coa entrega de premios ás 20.30 horas, recoñecendo o esforzo e a imaxinación dos grupos participantes.
Martes
O Martes de Entroido, día 17 de febreiro, é unha das xornadas máis sinaladas do calendario festivo de Redondela. Desde primeiras horas da tarde, veciñanza de todas as idades sairán á rúa para participar nunha programación que combina tradición e animación contemporánea. Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces, tanto individual como colectivo. As inscricións poderán realizarse desde as 16.00 horas nos soportais do Concello, e a entrega de premios está prevista para as 18.45 horas.
Durante esta tarde, a Alameda Castelao volverá ser un espazo protagonista para os máis pequenos, con obradoiros e actividades entre as 17.00 e as 19.30 horas. Ao mesmo tempo, as rúas da vila encheranse de ritmo coa animación do grupo Aperta, que levará a súa percusión e os seus tamboriles por diferentes puntos do casco urbano, contribuíndo a crear un ambiente festivo continuo.
Un dos momentos máis agardados do Martes de Entroido chegará ás 19.00 horas coa tradicional Queima do Meco, unha das citas con maior expectación do Entroido redondelán. Previamente terá lugar o espectáculo Hexagonum, da compañía Troula Animación, que combinará marionetas xigantes, proxeccións audiovisuais, pirotecnia e lume, creando unha posta en escena espectacular que dará paso á queima simbólica.
A festa continuará pola noite co concerto da Mekánika Rolling Band, unha das bandas máis festivas de Galicia, coñecida pola súa explosiva mestura de ritmos populares, punk brass e pola súa constante interacción co público. O concerto celebrarase ás 20.30 horas na praza da Constitución.
Chapela
O Entroido estenderase tamén á parroquia de Chapela, que celebrará a súa xornada festiva o sábado 21 de febreiro. As comparsas reuniranse ás 17.00 horas no alto da Encarnación, desde onde partirá o desfile ás 18.00 horas, acompañado polos percusionistas e tamborileiros do grupo Aperta. Pecharán a comitiva os participantes no tradicional Enterro do Berete, que percorrerá o traxecto ata a praia de Arealonga. A queima do Berete terá lugar ás 20.15 horas, poñendo o broche simbólico á xornada, que continuará co concerto do grupo América de Vigo. A banda ofrecerá, a partir das 21.00 horas no paseo marítimo de Chapela, un espectáculo tributo á historia do rock and roll, acompañado dunha sesión do DJ Mesu.
A alcaldesa, Digna Rivas, subliña que o Concello prepara esta programación «con festa rachada» para darlle aínda máis pulo a unha tradición «que se vive con moito entusiasmo no municipio».
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas