Terceira idade
A Aula Senior da Revolta continúa a aumentar
A Asociación Veciñal San Tomé de Parderrubias contará cunha segunda aula para continuar medrando no seu labor de atención ás persoas maiores

Momento da sinatura do convenio entre o Concello e a Asociación veciñal San Tomé de Parderrubias. | // D.P.
O Concello de Salceda de Caselas vén de ceder unha segunda aula á Asociación Veciñal San Tomé de Parderrubias na antiga escola unitaria da Revolta, reforzando así o proxecto da Aula Senior que a entidade impulsa neste espazo.
En decembro de 2024 o Concello xa cedera unha primeira aula para poñer en marcha a iniciativa, pero o crecemento da actividade e do número de participantes fixo necesaria unha ampliación das instalacións.
A Aula Senior atende na actualidade a máis de doce persoas de entre 76 e 93 anos, que participan en diferentes obradoiros e programas destinados a mellorar a súa calidade de vida.
Ademais do beneficio directo para as persoas maiores, este espazo supón un novo recurso de apoio e acompañamento para as súas familias, que atopan na Revolta un punto de referencia na rede comunitaria de atención.
A Asociación San Tomé de Parderrubias quixo agradecer a colaboración e xenerosidade da veciñanza, que contribuíu con doazóns de mobles, libros, xoguetes, plantas e outros materiais, ademais de realizar pequenos traballos de mantemento e mellora no edificio. Segundo destacan desde a entidade, «o espírito solidario e participativo das persoas do barrio é o que mantén viva a Aula Senior e lle dá sentido como proxecto colectivo».
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, salientou a importancia deste labor veciñal, asegurando que «a asociación está a facer un traballo exemplar, non só na atención ás persoas maiores, senón tamén como ponte de unión entre as diferentes asociacións da parroquia». Castiñeira subliñou que, grazas a estas sinerxías, «en Parderrubias están a xurdir iniciativas conxuntas que fortalecen o tecido social e consolidan o sentimento de comunidade».
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas