Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Covelo

Aberto o prazo para o X Plan Municipal de Formación

A iniciativa arrinca con cursos gratuítos de carretilla elevadora, control de almacén e manipulación de alimentos

Participantes no último curso de carretilla elevadora, xunto á concelleira Lourdes Enes.   | //D.P.

Participantes no último curso de carretilla elevadora, xunto á concelleira Lourdes Enes. | //D.P.

[Covelo]

O Concello de Covelo vén de anunciar a apertura dos prazos de inscrición para as accións incluídas na primeira fase do X Plan Municipal de Formación para o Emprego 2026, un programa que busca mellorar as oportunidades laborais da veciñanza e dar resposta ás demandas actuais do mercado laboral.

Nesta edición, o Concello ofrece tres cursos gratuítos, cun máximo de 15 prazas cada un, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e marzo. As formacións están dirixidas principalmente a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e residentes no municipio. Se quedasen vacantes, poderán tamén participar traballadores en activo e habitantes de concellos limítrofes.

O primeiro dos cursos será o de Operador/a de Carretilla Elevadora, que se impartirá os días 18, 19 e 20 de febreiro en horario de 9:00 a 14:00 horas, cun total de 15 horas de duración. A parte teórica celebrarase na sala multiusos do edificio de usos múltiples municipal, mentres que as prácticas levaranse a cabo nas instalacións do punto limpo. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 11 de febreiro ás 14:00 horas.

A segunda proposta é o curso de Control de Almacén e Picking, que se desenvolverá os días 23, 24, 25, 26 e 27 de febreiro e o 2 de marzo, en horario de tarde, de 15:30 a 20:30 horas, cun total de 30 horas lectivas. As clases terán lugar no Auditorio Municipal e o prazo para anotarse rematará o 16 de febreiro ás 14:00 horas.

Por último, o 3 de marzo impartirase o curso de Manipulador/a de Alimentos e Alérxenos, cunha duración de 5 horas e horario de 15:30 a 20:30 horas, na sala multiusos do edificio de usos múltiples. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 24 de febreiro ás 14:00 horas.

Desde o Concello de Covelo salientan que estas accións formativas «buscan reforzar as competencias profesionais e mellorar a inserción laboral da poboación local». As bases completas e os formularios de inscrición poden consultarse a través da sede electrónica municipal ou de maneira presencial nas oficinas do Concello.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Concellería de Formación no número de teléfono 986 650 027 (extensión 4).

Tracking Pixel Contents