Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Roteiros

Aberto o prazo de inscrición para a IX Andaina da Lamprea de Arbo

A saída de sendeirismo celebrarase o 5 de abril dentro da programación do Mes da Lamprea

Andaina da Lamprea na VIII edición.   | // D.P.

Andaina da Lamprea na VIII edición. | // D.P.

D.P.

[Arbo]

O Concello de Arbo vén de abrir o prazo de inscrición para participar na IX Andaina da Lamprea, unha actividade que forma parte da programación do Mes da Lamprea e dos actos previos á tradicional Festa da Lamprea, que no ano 2026 celebrará a súa 66ª edición os días 24, 25 e 26 de abril.

A andaina terá lugar o domingo 5 de abril e ofrecerá ás persoas participantes unha experiencia que combina actividade física, natureza, historia e tradición gastronómica. Trátase dun roteiro de sendeirismo que se desenvolve anualmente e que percorre algúns dos espazos naturais máis representativos do municipio de Arbo.

A saída está prevista desde a Praza do Concello ás 9:30 horas. O percorrido terá unha lonxitude aproximada de 12 quilómetros e unha dificultade media-alta, polo que está especialmente recomendada para persoas afeitas ao sendeirismo. Ao longo do traxecto, os camiñantes poderán gozar de vistas privilexiadas da contorna natural de Arbo, a través de sendeiros que discorren entre os ríos Miño e Deva, nun ambiente de tranquilidade e contacto directo coa natureza.

A ruta permite tamén descubrir un importante patrimonio natural e arquitectónico, con elementos tan singulares como as históricas pesqueiras do río Miño, testemuñas da tradición milenaria da pesca da lamprea; a ponte románica de Mourentán; as augas medicinais de Sela; ou os bancos miradoiro situados sobre o río, desde os que se pode contemplar a paisaxe e facer unha pausa para o descanso. Todo isto converte a andaina nunha experiencia completa na que se unen natureza, historia e benestar.

Unha vez rematado o percorrido, as persoas participantes poderán degustar produtos locais e viños das adegas de Arbo, reforzando así o vínculo entre deporte e gastronomía, dous dos sinais de identidade do municipio.

O prezo da inscrición é de 10 euros. As persoas interesadas poderán anotarse ata o 30 de marzo ás 15:00 horas, ben de xeito presencial no Concello de Arbo ou a través do correo electrónico tributos@concellodearbo.gal, enviando a ficha de inscrición xunto co xustificante bancario do pagamento da taxa.

Tracking Pixel Contents