Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tomiño despide o ano con música, contos e festa

festas

en familia

Latexo percusión actuará o martes 30 nas rúas de Tomiño.   | // CEDIDA

Latexo percusión actuará o martes 30 nas rúas de Tomiño. | // CEDIDA

[Tomiño]

Tomiño aposta este ano por unha programación cultural diversa, pensada para todos os públicos e repartida por diferentes espazos do municipio, coa que despedir o ano entre música, contos, espectáculos de rúa e propostas festivas que convidan a saír á rúa e compartir. Preto dunha decena de actividades conforman unha axenda que pon o foco na cultura como ferramenta de cohesión social e na participación veciñal como eixo central destas datas tan sinaladas.

As rúas, prazas e espazos culturais de Tomiño énchense así de propostas que buscan crear lembranzas colectivas, reforzar os vínculos entre xeracións e ofrecer alternativas de lecer accesibles e gratuítas. O Nadal preséntase non só como unha celebración individual ou familiar, senón como unha experiencia común, na que a creatividade, a música e a palabra se converten en linguaxes compartidas.

Un dos epicentros da programación é o Espazo Isaura Gómez, que acolle as primeiras actividades dirixidas ao público familiar. Onte, a biblioteca recibiu unha visita moi especial: Mizi, a lontra mascota da Eurocidade Cerveira-Tomiño, achegouse ata este espazo para coñecer de preto á cativada e continuar descubrindo, xunto a ela, os lugares máis emblemáticos do territorio transfronteirizo. A música tomou protagonismo nas rúas e prazas a partir da tarde, coa actuación de Gramola Gominola, unha das bandas de rock infantil máis recoñecidas do país. O grupo fixo bailar e cantar a pequenos e maiores, para quentar motores de cara á festa pre-fin de ano organizada pola Comisión de Festas do Alivio.

Hoxe, tamén ás 12.00 horas, o Espazo Isaura Gómez volverá ser escenario dunha proposta delicada e intimista coa chegada da narradora Bea Campos e o seu contacontos Un berce cheo de contos. Trátase dunha actividade especialmente pensada para público familiar e mesmo para bebés a partir de seis meses, na que a palabra, o xesto e a emoción constrúen un espazo de calma e conexión, ideal para compartir en familia durante os días de Nadal.

A noite do hoxe traerá novas propostas festivas á carpa da Praza do Seixo. Ás 22.30 horas celebrarase o concerto especial de Nadal de La Patrulla, unha cita pensada para público adulto que dará paso a unha animada festa dos anos 80 cos DJs Chimo Cabreira e David Escudero. Esta iniciativa conta coa colaboración dos locais nocturnos de Tomiño Versus e Entresons, así como da Asociación Colibrí, poñendo de manifesto a implicación do tecido asociativo e empresarial local na vida cultural do municipio.

A programación continuará mañá, domingo 28 de decembro, cunha xornada marcada pola música tradicional e coral. Pola mañá, entre as 11.30 e as 13.30 horas, a Rondalla do Centro Veciñal e Cultural de Valladares percorrerá as rúas do centro de Tomiño, levando a súa música a pé de rúa e creando un ambiente festivo e próximo. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, terá lugar o concerto de Nadal da Coral Polifónica de Tomiño, que estará acompañado dunha chocolatada popular con chocolate quente de balde para todas as persoas asistentes.

Os días finais do ano traerán tamén propostas singulares e cheas de imaxinación. O luns 29 de decembro, ás 17.30 horas, a Praza do Seixo e as rúas de Tomiño acollerán o Desfile da Galiña dos Ovos de Ouro, un espectáculo itinerante que combina fantasía, humor e sorpresa. O martes 30, á mesma hora, será a quenda do pasarrúas de Latexo Percusión, que encherá o municipio de ritmo, cor e movemento, convertendo as rúas nun gran escenario ao aire libre.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que «esta programación reflicte o modelo de Nadal que queremos para Tomiño, un Nadal vivido na rúa, inclusivo, interxeracional e no que a cultura e a participación veciñal sexan as verdadeiras protagonista». A rexedora subliñou tamén que «apostar por actividades gratuítas e para todos os públicos é apostar por fortalecer a convivencia e facer do Nadal un tempo de encontro real entre as persoas».

Tracking Pixel Contents