Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Badaladas

O Porriño celebrará o pre-fin de ano cunha festa por todo o alto

A xornada festiva contará con actividades infantís, tradición e concertos

Sobre estas liñas, rondalla de Santa Eulalia de Atios nunha das súas actuacións no IFEVI. Á dereita, presentación da festa Pre Fin de ano.   | // MARTA G. BREA / D.P.

Sobre estas liñas, rondalla de Santa Eulalia de Atios nunha das súas actuacións no IFEVI. Á dereita, presentación da festa Pre Fin de ano. | // MARTA G. BREA / D.P.

[O Porriño]

O Porriño despedirá o ano 2025 de maneira anticipada cunha gran xornada festiva dirixida a toda a veciñanza, que se celebrará o vindeiro 30 de decembro con diferentes bloques de actividades orientadas a diferentes idades.

O Porriño celebrará o pre-fin de ano cunha festa por todo o alto

O Porriño celebrará o pre-fin de ano cunha festa por todo o alto

Trátase dunha cita xa consolidada no calendario cultural e de lecer do municipio, promovida polo Concello do Porriño e concibida como un evento inclusivo, pensado para persoas de todas as idades e para compartir en familia e con amizades.

Festa infantil

A programación arrancará xa pola mañá, ás 11:00 horas, cunha gran festa infantil que terá lugar na carpa instalada no Parque do Cristo.

Neste primeiro tramo da xornada, a cativada converterase na auténtica protagonista dunha celebración pensada especialmente para eles e elas.

A rapazada poderá vivir o seu propio Pre-fin de Ano por todo o alto, festexando estas datas coas amizades e familia en compañía do recoñecido grupo de música infantil Mamá Cabra, que ofrecerá unha actuación chea de ritmo, xogos e animación.

A proposta completarase cun pasarrúas protagonizado por diferentes personaxes infantís, que contribuirán a crear un ambiente festivo, familiar e cheo de ilusión para os máis novos da casa desde primeiras horas do día.

Rondallas

Xa pola tarde, a partir das 19:00 horas, a música tradicional tomará as rúas do centro da vila co pasarrúas das tres rondallas do municipio.

A Rondalla de Santa María do Porriño, a máis recente de todas; a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios, que acumula ducias de premios nos seus máis de cen anos de historia; e a Rondalla Cultural Musical de Pontellas, que aparece no filme Rondallas, que se estreará o próximo 1 de xaneiro, percorrerán diferentes rúas enchendo O Porriño de sons populares e espírito festivo, nunha proposta que pon en valor a tradición musical local e a participación das asociacións culturais.

Gran Festa Pre-Fin de Ano

O punto central da celebración chegará ás 21:30 horas coa gran festa de Pre-fin de Ano, que se desenvolverá na rúa Domingo Bueno, escenario principal de toda a xornada.

Durante esta celebración haberá actuacións musicais, repartición de uvas, cotillón e chocolate quente de balde para todas as persoas asistentes, reforzando o carácter popular e aberto do evento.

A noite continuará coas doce badaladas, que volverán soar a medianoite nun ambiente festivo e participativo, permitindo despedir simbolicamente o ano 2025 e dar a benvida ao novo ano.

A música seguirá sendo protagonista cunha sesión DJ a cargo de Dumore e Groove Amigos, á que se sumará a actuación da coñecida Orquestra París de Noia, que ofrecerá un espectáculo pensado para todos os gustos e idades, prolongando a celebración ata ben entrada a noite.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta cita para o municipio e animou á participación cidadá. «Dende o Concello convidamos á veciñanza, e tamén a todas as persoas que se acheguen dende fóra, a participar nesta celebración colectiva coa que festexamos, de maneira anticipada, o remate do ano 2025 e a benvida ao novo ano. É unha cita que xa se converteu nunha tradición no Porriño», sinalou o rexedor, quen asegurou ademais que este evento seguirá formando parte do calendario festivo e cultural do municipio nos vindeiros anos.

Tracking Pixel Contents