Reciclaxe
O Nadal brilla coa creatividade sostible da veciñanza no Rosal
O municipio convértese nun escaparate de talento colectivo e participación estas festas

Persoas participantes no Nadal Sostible rosaleiro. | // D.P.
O Rosal vive estas datas cun marcado carácter comunitario grazas ao Nadal Sostible, unha iniciativa que volve poñer no centro a creatividade veciñal, o respecto polo medio ambiente e a colaboración entre barrios. Durante as últimas semanas, veciñanza de diferentes puntos do concello traballou conxuntamente para transformar rúas e prazas en auténticas mostras de artesanía colectiva feitas con materiais reutilizados e reciclados.
A proposta converte espazos cotiáns en escenarios cheos de maxia, cor e orixinalidade. Madeira recuperada, pneumáticos en desuso, caixas de cartón, teas reaproveitadas ou outros elementos de refugallo adquiren unha nova vida en forma de bonecos de neve, árbores de Nadal, trens decorativos, ou beléns instalados en lavadeiros. Cada creación amosa non só imaxinación, senón tamén un coidado traballo en equipo e unha clara mensaxe de responsabilidade ambiental.
As decoracións reflicten a identidade de cada barrio e das persoas que participan nelas, convertendo materiais sinxelos en obras con personalidade propia. O resultado é un percorrido polo municipio no que tradición e innovación van da man, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes unha experiencia diferente e inspiradora durante o Nadal.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou o valor social e ambiental da iniciativa, destacando que «o Nadal Sostible é un proxecto que une responsabilidade ecolóxica e cohesión social. Permite á veciñanza compartir tempo, ideas e ilusión, traballando en equipo e desfrutando conxuntamente da maxia destas festas». A rexedora subliñou tamén «o impresionante nivel creativo de cada barrio, que achega o seu propio estilo para encher o Rosal de alegría».
Neste 2025 participan activamente barrios como Fornelos, O Xestal, Caselas, Martín, A Fecha, Pancenteo, Novás ou O Picón, consolidando unha tradición que medra ano tras ano tanto en número de participantes como en impacto visual e social. Esta continuidade reforza o sentimento de pertenza e o orgullo colectivo, ao tempo que promove hábitos máis sostibles.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas